O proxecto definitivo para reformar a praza do Concello xa foi escollido
06 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Un proxecto titulado As catro estacións e trazado por Juan Ramón Sánchez Pernas foi o gañador do concurso de ideas para reformar o centro urbano de Sober que convocaron o Concello e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). O xurado -formado polo alcalde Luis Fernández Guitián, a xefa de obras da Secretaría Xeral de Urbanismo Elena Parajó, a enxeñeira María Luisa Menéndez, o presidente do COAG lucense Raúl Veiga e o arquitecto Juan Creus- escolleu esta proposta entre as tres que foron preseleccionadas do total de 39 que se presentaron ao certame.
O proxecto escollido propón suprimir a rúa que pasa actualmente por diante do edificio da casa consistorial e integrala nunha praza central que conformará un amplo espazo baleiro, apto para celebrar a Feira do Viño de Amandi e outras actividades festivas. Diante da sede do Concello construirase unha plataforma de acceso onde -segundo indica o autor do proxecto- será tamén posible instalar un palco para as actuacións da banda de música municipal. Así mesmo, o proxecto prevé prolongar a alameda situada xunto ao consitorio cunha parra-pérgola que se adentrará na praza central. En torno a este espazo preténdese habilitar unha vía perimetral provista de zonas de estacionamento. A calzada estaría situada aproximadamente á mesma altura que as beirarrúas.
Elementos simbólicos
Por outro lado, axustándose ás bases do certame, o autor do proxecto escolleu materiais que simbolizan de diversas maneiras a tradición cultural do municipio e da Ribeira Sacra. O arquitecto propón utilizar adoquíns de cerámica para construír unha parte dos pavimentos, en alusión á alfarería de Gundivós, mentres que o emparrado da pérgola fará referencia á actividade vitícola da zona. Unhas canles que recollerán as augas pluviais na Alameda servirán como símbolo do río Sil e da importancia da auga na viticultura. Outro elemento utilizado na obra será a madeira, que segundo indica a memoria presentada polo autor, será utilizada para habilitar «un mobiliario cómodo e sustentable».
Pola súa parte, o alcalde Luis Fernández Guitián considera que unha das principais vantaxes do proxecto seleccionado é que non precisa ser acometido dunha soa vez, senón que se divide en seis fases realizables por separado. «Estas fases pódense dividir ademais en varias subfases, algunha das cales custaría en torno a 40.000 euros -explica-, así que será posible ir realizando a actuación pouco a pouco e investindo de cada vez unhas cantidades bastante asequibles».
O alcalde sinala por outro lado que o proxecto elixido afecta a unha zona de 13.000 metros cadrados, pero que as obras afectarán realmente a unha superficie máis reducida e que polo tanto o custo total será menos elevado do que se prevé na memoria presentada polo arquitecto. «O autor incluíu no proxecto a rúa do Comercio, pero esa zona xa está sendo acondicionada agora mesmo, porque consideramos que era unha obra urxente, así que aí xa non será preciso facer máis actuacións», sinala.
Fernández Guitián indica por outra parte que o proxecto irá realizándose por partes a medida que se consiga fondos das diferentes administracións. «O Concello podería achegar unha pequena parte do orzamento, pero en ningún caso se destinarán fondos para este proxecto cando estean pendentes outras actuacións máis prioritarias, como poden ser as de dotar de servizos ás parroquias», puntualiza. O rexedor apunta tamén a posibilidade de tramitar as axudas específicas que concede a Xunta para obras de mellora nos entornos das casas consistorias, unha liña de subvencións na que ao seu xuízo podería entrar este proxecto.