O actor e escritor monfortino Antón Lopo representará este mes o seu espectáculo Lampíricos nos municipios da Pobra do Brollón, Folgoso do Courel e Samos. As representacións, patrocinadas pola área de Cultura da Deputación, forman parte dun ciclo que leva o título de Pola fronteira e que, segundo o artista, ten como común denominador o feito de desenvolverse en lugares situados entre o mundo urbano e o rural.
A primeira representación terá lugar o día 12 -ás 19.30 horas- na antiga escola de Santalla de Lóuzara. A segunda será o día 14 -ás 22.30- na Casa do Izquierdo, un centro cultural privado na parroquia de Cereixa, na Pobra do Brollón. A terceira ofrecerase entre os días 15 e 16 -ás 21.30- na casa natal do poeta Uxío Novoneyra, en Parada do Courel.
Lampíricos é un espectáculo que mestura o teatro e a poesía e é interpretado exclusivamente por Lopo, que é tamén o autor do texto. A obra xa foi representada o ano pasado en Monforte e en datas recentes presentouse tamén en Lugo.