Abren un concurso para elixir o cartel da próxima Feira do Viño de Amandi

monforte / la voz

LEMOS

11 ene 2015 . Actualizado a las 04:00 h.

O Concello de Sober convocou un concurso para escoller o cartel anunciador da próxima edición da Feira do Viño de Amandi, que se celebrará entre o 28 e o 29 de marzo. O autor do traballo gañador -cada participante só poderá presentar un- será premiado con seiscentos euros. As obras deberán entregarse na Casa do Concello, de 10 a 14 horas, e o prazo de presentación estará aberto ata o 10 de febreiro.

Os traballos deberán presentarse en formato A-3 sobre un soporte ríxido e a técnica é libre. As bases do certame establecen que os carteis «deben reflectir o espírito da Feira do Viño de Amandi facendo fincapé no sector vitivinícola e no noso patrimonio e cultura». As obras deberán incluír as frases «XXXV Feira do Viño de Amandi» e «Festa de Interese Turístico», así como as datas de celebración, o enderezo web www.concellodesober.com e os logotipos que utiliza o Concello nas contas que ten abertas nas redes sociais Facebook e Twitter. Os traballos deberán presentarse en sobres pechados nos que figure unicamente o lema do cartel, sen ningún outro tipo de identificación. Noutro sobre pechado terá que ir escrito tamén o lema xunto cos datos persoais do autor, incluíndo un teléfono de contacto.

Copia dixital

Por outro lado, o autor do traballo que resulte elixido como gañador deberá comprometerse a facilitar aos organizadores unha copia do cartel nun formato dixital que permita o seu procesamento informático. O deseño escollido, que pasará a ser propiedade do Concello, será utilizado nos carteis e tamén nos programas de man da feira. Os traballos non premiados poderán ser mostrados nunha exposición se así o deciden os responsables municipais. O xurado resérvase a facultade de declarar deserto o premio en caso de que ningún traballo reúna os méritos suficientes.