«Xosé Lois García é unha voz difícil de relacionar con outros poetas»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CORRAL

Camilo Gómez Torres presentou recentemente un amplo estudo sobre o autor chantadino

14 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O profesor, filólogo e ensaísta quirogués Camilo Gómez Torres presentou recentemente en Monforte e Lugo o seu libro De rebeldías, soños e irmandades. Noticias de Xosé Lois García, o estudo máis extenso que se publicou ata agora sobre a vida e a obra do escritor chantadino.

-Unha obra tan extensa e variada como a de Xosé Lois García non parece fácil de cualificar ou catalogar no seu conxunto.

-É unha obra realmente significativa e importante que non se pode catalogar fácilmente porque abrangue moitos xéneros, como a poesía, a narrativa, o teatro, o ensaio, os estudos sobre a arte románica, as colaboracións xornalísticas... Agora ben, eu considero que basicamente é un poeta, un poeta que cultiva tamén outros xéneros literarios e que ten moitos intereses.

-¿E cales cre que son os trazos máis propios da súa poesía?

-É unha voz moi singular que a min me parece difícil de relacionar con outros poetas contemporáneos galegos. É un poeta galego que leva toda a vida vivindo en Cataluña e iso xa lle dá unha perspectiva moi diferente con respecto aos outros, que na súa maioría viven en Galicia. Como poeta, fala de moitas cuestións que lle preocupan, como a lingua e a cultura galegas, os problemas da sociedade, a situación dos traballadores, a opresión que se vive incluso nas sociedades democráticas... Pero tamén é un cantor lírico orixinal que se inspira nos espazos que conforman o seu vivir e nos seus ideais de vida. É unha obra moi variada e rica que sen dúbida está entre as máis importantes da poesía galega contemporánea.

-Na súa biografía describe unha traxectoria vital pouco común entre os intelectuais galegos.

-Para min é unha traxectoria modélica, porque é unha persoa de orixes humildes que foi accedendo á formación nunhas condicións de precariedade e dificultades económicas e superando moitos atrancos. Hai que lembrar que comezou a cursar o bacharelato cando cumpría o servizo militar en África e logo seguíu estudos universitarios para maiores de 25 anos mentres traballaba en empresas de plásticos ou de metalurxia, vivindo a experiencia da emigración. E ao mesmo tempo escribindo e desenvolvendo moita actividade cultural e sindical.

-Tamén presta moita atención á súa relación coas culturas de lingua portuguesa.

-É un aspecto moi importante do seu traballo. A cultura galega débelle moito polos esforzos que ten feito para estreitar os lazos que a unen coas culturas lusófonas, coas que el ten un contacto íntimo. García ten grandes amigos en Portugal, Brasil e outros países e fai moito por difundir as culturas da lusofonía en Galicia e tamén por divulgar a cultura galega nese mundo.

camilo gómez torres profesor e filólogo

«Aínda hai obras de Manuel María sen publicar»

Camilo Gómez é un especialista na obra do protagonista do Día das Letras Galegas do 2016, sobre a que publicou varios traballos.

-¿Ten previsto editar máis estudos sobre Manuel María?

-Estou preparando un estudo sobre a súa poesía que espero que se publicará a finais do próximo outono. O material forma parte da miña tese de doutoramento, que presentei a principios de século e que está dedicada á súa vida e á súa obra literaria. A parte que fala sobra a súa traxectoria vital xa se publicou en forma de libro hai anos e agora falta por editar a parte na que analizo a súa obra poética.

-¿Aínda queda algunha obra súa sen publicar?

-Si, aínda está pendiente de editar algún dos poemarios inéditos que deixou á súa morte. Nos últimos anos xa foron aparecendo algunhas desas obras que quedaran sen publicar, pero aínda non saíu todo. E por outro lado, habería que recuperar os moitos artigos que publicou durante a súa vida en revistas de Galicia e de América e que nunca apareceron en forma de libro. Pero recopilar e editar todo ese material dará moito traballo e requerirá un apoio económico importante, porque é moi numeroso. Hai que felicitar á Real Academia Galega por dedicarlle o próximo 17 de maio, porque é un dos maiores poetas galegos da segunda metade do século XX e desenvolveu ademais un grande labor como editor e difusor cultural.