O Lisardiño de «A Esmorga» volve á casa

LEMOS

O equipo do filme participará nunha proxección gratuíta no Saviñao, o municipio no que vive o rapaz que fai o papel de fillo do protagonista

06 nov 2015 . Actualizado a las 13:21 h.

A rodaxe de A Esmorga, a adaptación cinematográfica da novela de Eduardo Blanco Amor, empezou no Saviñao. Concretamente na parroquia de Licín, na que o equipo do filme reproduciu a casa na que vivían a muller e o fillo de Cibrán, o protagonista. Case dous anos despois da rodaxe, o equipo da película volve esta semana ao Saviñao para proxectala de balde no auditorio público de Escairón. Pero O Saviñao no só está presente como escenario nesta película dirixida por Ignacio Villar. Aquí se fixeran en xaneiro do 2014 as probas para buscar un neno de entre catro e seis anos que puidese interpretar a Lisardiño, o fillo de Cibrán. O elixido foi Yago López, un rapaz da parroquia de Vilelos que agora ten oito anos. A Esmorga proxectarase este sábado (20:00 horas). No auditorio estarán parte do equipo técnico e artístico que participaron no filme. Farán unha presentación previa e despois quedarán para un coloquio co público.

Exposicións a pares en Chantada

2Esta semana Chantada estrea exposicións por partida dobre. A primeira está montada desde o martes na Casa da Cultura e leva por título A corazón aberto. Trátase dunha obra ideada conxuntamente por unha creadora local, Alelí Taboada, e outra foránea, Ángeles Sanz, nacida en Valladolid pero afincada en Arnoia. Nesta montaxe, din as dúas autoras, non atenderon «a máis regra que a que manda o interior de cada un». E desde onte pódese ver na Casa da Xuventude una exposición de fotografías sobre cogomelos obra de Pilar Seijas López, que se poderá ver ata o día 24 e forma parte da programación do Outono Fotográfico.