O doutor Casares, asesor científico dos fogueteiros

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Dez aspectos pouco coñecidos da vida do químico monfortino que saen á luz na súa primeira biografía

03 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A recente publicación da primeira biografía do químico Antonio Casares -escrita pola historiadora María Luisa Losada- trae á luz numerosos aspectos pouco divulgados da vida do célebre científico monfortino do século XIX. Casares é coñecido sobre todo polas súas achegas á investigación e á docencia no campo da química e da farmacéutica e polas súas experiencias pioneiras en España no uso do cloroformo e da iluminación eléctrica. Pero na súa complexa biografía hai moitas máis facetas. A continuación apúntanse dez aspectos pouco coñecidos da súa vida.

Industria pirotécnica. O estudo de María Luisa Losada menciona un testemuño de Jesús Casares Gil, fillo do químico, quen sinalou no seu día que o científico monfortino era consultado con frecuencia polos pirotécnicos acerca «das mesturas que poderían dar as cores máis vivas e brillantes» e que «os seus consellos non lles foron inútiles». Tanto Santiago -onde residía- como a súa cidade natal contaban cunha importante tradición de elaboración de fogos artificiais.

Alcalde de Monforte. En 1839 Antonio Casares foi nomeado alcalde de Monforte conxuntamente con Manuel Rodríguez Castro. Non se sabe con exactitude por canto tempo ocupou este cargo, ao que chegou nunha época de grande inestabilidade política.

Perito criminolóxico. O científico monfortino traballou como perito analista químico en varias causas criminais. En 1848 relatou as súas experiencias neste campo nun estudo titulado Observaciones toxicológicas.

Meteorólogo pioneiro. Outro campo de investigación polo que se interesou Casares foi o da observación meteorolóxica, moi pouco desenvolvida en España na súa época. En 1848 instalou na Universidade de Santiago un observatorio e comezou a publicar os datos rexistrados nos seus instrumentos. En 1869 foi nomeado director do observatorio meteorolóxico universitario.

Descubridor de minerais. Aínda que a xeoloxía e a mineraloxía non eran a súa especialidade, Antonio Casares realizou importantes traballos neste campo. Na costa do cabo Ortegal descubriu en 1849 dous novos tipos de mineral compostos de níquel aos que denominou zaratita e morenosita. O investigador comunicou estes achados á Sociedade de Farmacia de París.

Exposición de Santiago. En 1858, Casares organizou en Santiago unha exposición agrícola, industrial e artística que «tiña o propósito de mostrar ata que punto chegara a modernización de Galicia», segundo indica a súa biógrafa. Por este motivo recibiu unha distinción da Sociedade Universal de Fomento das Artes e Industrias de Londres.

Revolución de Setembro. O científico monfortino tomou parte activa na célebre revolución liberal de setembro de 1868. Nese período da súa vida apareceu entre os asinantes dun manifesto político titulado «Viva la Soberanía Nacional! Abajo los Borbones!» e formou parte en Santiago dunha xunta de instrución pública creada polas autoridades revolucionarias.

Os ósos do apóstolo. En 1879 descubriuse no subsolo da catedral compostelá a suposta tumba do apóstolo Santiago e de dous discípulos seus. Antonio Casares foi un dos científicos aos que o cabildo catedralicio encargou a análise dos restos para determinar a súa antigüidade.

Familia numerosa. Antonio Casares compaxinou a súa intensa actividade en diversos campos co coidado dunha familia especialmente numerosa. Coa súa primeira muller, Juana Teijeiro Fernández, tivo oito fillos. Despois de enviuvar casou con Jesusa Gil Villanueva, coa que tivo outros catro vástagos.

Un enterro modesto. De acordo coas súas últimas vontades, Antonio Casares foi sepultado nunha fosa común en Santiago despois do seu falecemento, o 12 de abril de 1888. Por este motivo, a ubicación da súa tumba é ignorada na actualidade. A extrema modestia do seu enterramento contrasta co funeral multitudinario que tivo o científico, quen foi unha persoa amplamente coñecida e respectada na súa época. A condución dos seus restos ao cemiterio foi acompañada por «un cortexo solemne con todo o pobo na rúa», di a súa biografía.