«A xente de Monforte pode escribir mellor sobre Manuel María»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Xosé Lois García, á esquerda, durante a presentación dun libro no hotel Mogay de Chantada.
Xosé Lois García, á esquerda, durante a presentación dun libro no hotel Mogay de Chantada. roi fernández< / span>

García publica unha obra biográfica que incide especialmente na estreita relación do poeta coas terras do sur lucense

31 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O 2016, ano no que se celebrará o Día das Letras Galegas na honra de Manuel María, iniciarase coa aparición dun libro que lle dedica o escritor chantadino Xosé Lois García, con quen mantivo amizade ao longo de case corenta anos. Manuel María reencontrado, que estará nas librería en torno ao 11 de xaneiro, será presentado o 23 do mes próximo nun acto que se celebrará no Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte. García xa publicou con anterioridade outros traballos sobre o poeta, como o ensaio Lectura e itinerario posíbel pola Terra Chá de Manuel María, aparecido en 1994.

-¿Esta obra é unha biografía de Manuel María?

-O libro reúne unha serie de traballos sobre Manuel María e a súa obra que publiquei en diversas épocas, en vida del e depois do seu pasamento. E por outra parte é un estudo que fai fincapé na importantísima relación que tivo coas terras e as xentes da Ribeira Sacra. É tamén un testemuño persoal, porque tratei con el durante moitos anos. A partir de 1972 fun visitalo a miúdo a Monforte e estiven moitas veces con el na súa librería Xistral. Ademais estiven con el en Chantada e en Cataluña, onde vivo desde hai moitos anos.

-¿A súa obra non se entendería sen esta relación co sur lucense?

-Hai que ter en conta que pasou moitos anos da súa vida en Monforte e que foi aí onde escribiu a maior parte da súa obra. Non só tivo unha relación moi fonda con Monforte, senón tamén con outras terras do sur da provincia. Todo iso está moi presente na súa obra literaria. Dedicou libros de poemas a Monforte, a Pantón e a Quiroga mencionando estes lugares nos propios títulos das obras e escribiu moitas cousas acerca deste territorio, tanto poesías como artigos. Un detalle curioso é que algunhas das primeiras cousas que comezou a publicar desde que se instalou en Monforte, a parte das súas obras literarias, foron textos para os programas das festas patronais. Colaborou neles durante moito tempo, desde finais dos cincuenta ata finais dos sesenta.

-Era un grande coñecedor do patrimonio histórico destas comarcas.

-El sempre buscaba a arte en todas partes a admiraba moito obras como o retablo de Francisco Moure da igrexa da Compañía de Monforte, a igrexa de San Vicente do Pino, o museo do convento de Santa Clara... Cando acollía a visitantes de fóra gustáballe mostrarlles esas e moitas outras cousas. Facía uns percorridos exhaustivos cando exercía de guía. Tamén escribiu moitos textos sobre a historia e as tradicións destas terras.

-¿Que papel tivo a súa librería como centro de dinamización cultural?

-Pola súa librería pasou moitísima xente, non só de Monforte e de toda a zona, senón tamén de toda Galicia e mesmo doutros países, principalmente de Portugal. Alí falaba con toda a xente interesada na cultura ou na literatura e colaboraba con todo tipo de iniciativas culturais. E na súa librería tamén recibiu visitas de personalidades moi importantes, aínda que el non dese moita publicidade a eses encontros. Por exemplo, en Monforte visitouno o célebre poeta e teólogo Ernesto Cardenal, antigo ministro de Cultura de Nicaragua. Hai testemuños fotográficos desa visita, que aparecen no libro.

-¿Que relación mantivo con Chantada?

-Nunha época da súa vida foi a miúdo a visitar as terras chantadinas con Uxío Novoneyra e Ánxel Fole. Gustáballe moito ir por esa comarca e coñecer o seu patrimonio, a súa paisaxe e as súas historias. Unha vez escribiu tres relatos moi curtos que sacou duns contos populares de Chantada que lle contei eu.

-¿Recolleu moita información de xente que o coñeceu nos municipios do sur lucense?

-Recollín bastante material coa axuda de persoas que trataron con el, en especial fotografías inéditas. Seguramente hai moitas cousas máis que contar sobre Manuel María que as que aparecen no libro. Creo que a xente de Monforte que o coñecía pode escribir sobre el moito mellor que eu porque tiñan un trato diario. Eu mantiven amizade con el durante moito tempo, pero hai outros que o trataron moito máis que eu e que se encontraban con el todos os días.