¿Que queda da Idade Media nas rúas onde se celebra a Feira Medieval?

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O núcleo histórico de Monforte conserva un trazado urbano que apenas variou desde hai séculos

10 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Feira Medieval de Monforte -que celebrará a súa decimoterceira edición os días 26 e 27- desenvólvese nun conxunto de rúas e prazas que conservan máis rastros da Idade Media do que parece a primeira vista. Ademais dos vestixios máis visibles -a muralla da fortaleza e a torre da homenaxe-, outra pegada moi importante da época medieval pode percibirse no trazado das rúas do núcleo antigo da cidade.

O historiador Anselmo López Carreira, autor do libro A cidade medieval galega, destacou nun simposio celebrado en Monforte no 2008 o especial interese da trama urbana do barrio de San Vicente do Pino, sobre todo a da área intramuros. Ao seu xuízo, o trazado das rúas desta zona segue sendo prácticamente idéntico ao da Idade Media e constitúe en sí mesmo unha importante mostra do urbanismo medieval.

O feito de que este tecido urbano non sufrise grandes alteracións débese ao despoboamento e ao abandono que sufriu progresivamente o barrio a partir do século XVI, cando a cidade comenzou a estenderse polas zonas baixas que rodean o monte de San Vicente. O cronista monfortino Manuel Hermida Balado sinalou no seu libro Lemos que no século XIX o barrio amurallado quedara en grande parte deshabitado e en ruínas e que durante moito tempo foi refuxio de indixentes e delincuentes.

Por outro lado, conservánse os nomes de orixe medieval de boa parte das rúas do núcleo histórico da cidade, aínda que hoxe só se seguen usando en certos casos. O da rúa Falagueira foi recuperado oficialmente polo Concello en 1989. Outros nomes antigos perdéronse, pero a súa memoria quedou gardada en documentos históricos. Un traballo realizado hai algúns anos polo historiador Felipe Aira recopilou as vellas denominacións, que indican as actividades e os oficios que foron os máis característicos destas zonas na Idade Media. Un nome que se repite é o de Azougue -designaba aos mercados-, que foi dado a unha parte da actual praza de España e tamén á actual praza de Pescaderías.

Coa excepción da fortaleza, sen embargo, na cidade praticamente non hai construcións de orixe medieval. A antiga igrexa románica do mosteiro de San Vicente foi derruída hai séculos para levantar no seu lugar o actual templo renacencista. Tamén desapareceu -no século XIX- a igrexa medieval de Santa María da Régoa, que estivo situada no espazo da actual praza de España.

A Falagueira, a zona máis populosa e comercial de antano

Aínda que hoxe está desprovida de edificios na maior parte do seu trazado, a rúa Falagueira foi a zona máis poboada e con maior actividade comercial do Monforte medieval. O seu propio nome alude ao ambiente bulicioso que coñeceu noutros tempos. É a rúa máis longa -cerca de 360 metros- e ancha do núcleo histórico e conserva un tramo de máis de cincuenta metros do seu antigo empedrado de seixos fluviais, que foi respetado nas obras de rehabilitación que se executaron na zona no 2008. O arqueólogo Iván Álvarez Merayo, que supervisou os traballos, cre que é posible que as orixes deste pavimento se remonten a finais do século XIV ou inicios do XV.

A rúa Falagueira une a Porta da Alcazaba e a Porta Nova, dúas das entradas principais ao burgo amurallado. Está orientada ao sur en boa parte do seu percorrido, polo que ofrece un ambiente soleado e unhas condicións de habitabilidade que deberon ser moi apreciadas na Idade Media. Naqueles tempos atraeu a numerosos veciños e concentrou unha grande parte das tendas dos comerciantes e dos obradoiros dos artesáns da vila.

Todo indica que mesmo no seu período de esplendor houbo moi poucos edificios de pedra nesta rúa. Na época medieval as casas de pedra eran unha rareza en toda Europa -só estaban ao alcance das familias máis poderosas e do alto clero- e a grande maioría das vivendas estaban feitas con materiais moito máis pobres e precarios. No caso de Monforte é moi probable que se utilizase con frecuencia o pallabarro -barro mesturado con palla e ramas-, unha técnica tradicional que se seguiu usando na zona ata tempos aínda recentes.

rúas do burgo medieval

Rúa de Bailén

Na Idade Media era denominada rúa do Peso

Praza de España

A parte máis baixa chamouse praza do Azougue, isto é, do Mercado. A parte alta era coñecida por praza da Leña

Doutor Goyanes

Este espazo, antes chamado Cantón, foi coñecido hai séculos por praza dos Ferradores

Juana de Castro

Nome actual dunha rúa do barrio intramuros, chamada tradicionalmente Zapaterías

Doutor Teijeiro

Esta era a rúa dos Cisqueiros, ou sexa, dos vendedores de carbón miúdo