A estación científica de Seoane acollerá un curso sobre os soutos da zona

quiroga / la voz

LEMOS

A actividade desenvolverase entre o 18 e o 21 de xullo

14 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Estación Científica do Courel -situada na localidade de Seoane- acollerá un dos cursos de verán organizados este ano pola Universidade de Santiago (USC), que se centrará no valor económico, ecolóxico e cultural dos bosques de castiñeiros da serra. As clases desenvolveranse entre os días 18 e 21 de xullo e terán unha duración total de 27 horas. Haberá un máximo de cincuenta prazas para alumnos. O curso é convalidable por dous créditos europeos ECTS ou por un crédito de libre elección para os estudantes da USC. Así mesmo, está recoñecido pola Consellería de Cultura como unha actividade formativa para o profesorado non universitario.

A convocatoria diríxese ademais a propietarios de soutos, agricultores, silvicultores, profesionais relacionados co mundo da madeira, da castaña e dos cogumelos, así como a técnicos de empresas dedicadas á implantación e coidados silvícolas dos soutos e ao procesado e comercialización de castañas. A matrícula pode formalizarse por Internet ou de forma presencial. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 8 de xullo. Para contactar cos responsables pódese escribir aos correos antonio.rigueiro@usc.es e Juanliusfernandez@usc.es.