¿Convén dar penso aos patos do Cabe?

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LOPEZ

Os expertos cren que a colonia de anátidas do tramo urbano do río pode causar varios problemas medioambientais

08 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Coincidindo co vixésimo aniversario das primeiras soltas de patos e cisnes por parte do Concello de Monforte no tramo urbano do Cabe, o goberno local decidiu volver alimentar con penso a colonia de anátidas establecida nesta parte do río, o que non se facía desde hai oito anos. Non obstante, os expertos en fauna silvestre consideran que as práticas deste tipo poden ter unha repercusión negativa na conservación do medio ambiente.

O biólogo Cosme Romai, membro da Sociedade Galega de Ornitoloxía e investigador da avifauna do sur lucense, opina que esta medida é «discutible» e sinala que «un risco que ten o feito de alimentar as aves con penso é que esa comida pode ser consumida tamén por especies silvestres que viven no mesmo entorno e non é nada aconsellable que esas especies se volvan dependentes dos humanos para a súa alimentación». Romai apunta ademais que a creación da colonia de anátidas do Cabe non pode considerarse como unha acción de restauración do medio ambiente natural. «A moita xente pode parecerlle algo positivo a presenza desas aves, pero desde o punto de vista medioambiental é unha cuestión complexa, porque non se trata de animais silvestres autóctonos senón de aves introducidas polo home cunha finalidade ornamental e que viven nun réxime de semidomesticidade», explica.

Risco de hibridacións

Por outro lado, o biólogo sinala que a presenza de aves de granxa no río «ten o inconveniente de que pode causar hibridacións con especies silvestres e modificar o seu patrimonio xenético». Romai di así mesmo que os cisnes comúns -unha especie non autóctona cun comportamento moi territorial- supoñen un risco de alteración do ecosistema «Poden excluír outras aves nidificantes, porque é moi frecuente que non permitan que outros animais constrúan niños nos arredores dos seus», explica.

En opinión de Romai, «sería necesario repensar a conveniencia de soltar aves de orixe doméstica nas áreas fluviais e ter en conta outras alternativas para fomentar un medio natural de calidade». Ao seu xuízo, sería preferible tomar medidas para eliminar a contaminación das aguas e repoboar as ribeiras con vexetación autóctona propia dos entornos fluviais, como os salgueiros e os amieiros. «Reducindo ao mínimo a presión humana sobre estes ecosistemas aumentarían as poboacións de aves acuáticas autóctonas, como os patos reais e as garzas, e tamén as de mamíferos, réptiles, anfibios e insectos propios das áreas fluviais, que diminuíron moito nas últimas décadas a causa da degradación ambiental», indica.

Romai entende que a iniciativa de crear a colonia de anátidas do Cabe respondeu á intención de mellorar e embelecer un medio natural degradado. «Se soltaron patos no seu día foi precisamente por que se botaba en falta unha natureza de calidade no Cabe, pero habería que preguntarse se non sería mellor esforzarse para que os ríos volvan ter verdadeiras poboacións silvestres de aves fluviais», engade.

O Concello monfortino realizou as primeiras soltas hai vinte anos

O Concello de Monforte comezou a liberar anátidas no tramo urbano do Cabe en febreiro de 1997. Na primeira intervención deste tipo soltáronse trinta parellas de patos e unha de cisnes, todas elas procedentes de Toledo. Posteriormente serían liberados grupos de cisnes e ocas. Con anterioridade, en 1996, uns veciños xa soltaran por conta propia varios patos.

Os responsables municipais instalaron por entón no río varias casetas e unha plataforma de madeira para axudar a que as ánades se asentase e criasen. Estas estruturas serían arrastradas varias veces polas crecidas, pero foron recuperadas e colocadas de novo nos seus emprazamentos. Para favorecer a repoboación, as aves foron alimentadas regularmente con penso, o que deu lugar a algúns problemas. En maio de 1997, o Concello adquiriu trampas para cazar as ratas que disputaban a pleno día a comida ás aves e que tamén mataron algunhas crías. Houbo ademais varios casos de aves que morreron ao tragar anzois depositados no leito do río.

Pese a todos os obstáculos, a colonia de anátidas implantouse firmemente no Cabe e experimentou un considerable crecemento, converténdose nun elemento característico da paisaxe urbana. En tempos recentes -en decembro do 2015 e xaneiro deste ano- rexístraronse casos inusuais de nacementos de camadas de patos fóra da temporada de cría.