![](https://img.lavdg.com/sc/nJXrOWNehZj48ezRMeE2La7xZRQ=/480x/2017/07/31/00121501532582569683524/Foto/MG1C3F2_222122.jpg)
A segunda campaña arqueolóxica no asentamento pecharase cunha xornada de ocio e actividades culturais
01 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.A segunda campaña de escavacións no castro de San Lourenzo de Cereixa, na Pobra do Brollón, finalizará o 10 de agosto dunha forma moi pouco habitual nos proxectos arqueolóxicos. Para esa data está a organizarse unha xornada festiva que incluirá visitas guiadas ao xacemento e unha sesión de observación da chuvia anual de meteoros coñecida como Perseidas ou bágoas de san Lourenzo.
O arqueólogo Xurxo Ayán, director técnico do proxecto -promovido pola asociación veciñal de Cereixa-, afirma que esta nova campaña demostra que «na Ribeira Sacra hai poucos lugares que teñan o espesor histórico do castro de San Lourenzo». A este respecto apunta que nos traballos iniciados o pasado 5 de xuño foron postos ao descuberto, por unha parte, os restos de diversas construcións da época galaicorrromana que mostran indicios de estar relacionados coas explotacións mineiras dese período. No recinto do castro, por outra parte, están a emerxer tamén os vestixios do que parece ser a antiga igrexa da parroquia, cuxas orixes parecen remontarse ao período comprendido entre os séculox X e XII. «Por testemuños orais sabemos que esa antiga igrexa continuou sendo utilizada como capela ata 1875 antes de caer no abandono», sinala o investigador. Con esta igrexa parecen estar relacionadas varias tumbas de tipo medieval que foron exhumadas no curso da actual campaña e que conteñen restos humanos.
Continuidade das visitas
Os responsables do proxecto arqueolóxico de Cereixa, por outra parte, están ofrecendo esta temporada unha serie de visitas guiadas semanais ás escavacións do castro. En vista do éxito que está tendo a iniciativa, agora decidiron que o programa de visitas continuará desenvolvéndose ata o 31 de agosto.
Procesión, música, obradoiros e observación de estrelas fugaces
Este é o programa de actividades previsto para o festexo que se celebrará o 10 de agosto.
11:30 horas. A esta hora comezará unha misa na igrexa parroquial, que será seguida dunha procesión coa imaxe de san Louenzo ata o castro. Seguidamente haberá unha sesión vermú e un xantar popular a base de polbo e churrasco.
16:00 horas. Entre as catro e as sete da tarde haberá un obradoiro de olería castrexa a cargo da fundación Terra Termarum, unhas actividades de divulgación arqueolóxica para nenos e visitas guiadas ás escavacións do castro.
19:00 horas. O actor Avelino González, o músico Pablo Camarero, o arqueólogo Xurxo Ayán e o artista Suso O’Corenta ofrecerán unha actuación sobre as lendas populares asociadas ao catro.
21:00 horas. Para esta hora está prevista unha cea popular que será seguida -ás 22:30 horas- dunha actuación do grupo folk O Garabelo.
00:00 horas. En torno á medianoite comezará unha sesión de observación da chuvia de meteoros das Perseidas.