A baixada das augas do Miño transformou a paisaxe da maior presa hidroeléctrica de Galicia
10 oct 2017 . Actualizado a las 12:30 h.A baixada do nivel das augas no encoro de Belesar non só puxo ao descuberto o promontorio de Castro Candaz. A grande presa hidroeléctrica inundou no seu día os soutos e viñas de San Fiz de Asma, en Chantada, e terras das parroquias do Saviñao próximas ao muro da presa, onde foron tomadas estas fotografías. A retirada temporal das augas nesta parte do curso do Miño fixo saír á luz paisaxes núas de vexetación onde hoxe reinan a area, a pedra, os troncos das árbores mortas e tamén o lixo. Un espazo alterado dúas veces pola man do home. Unha primeira vez, ao longo dos séculos e de xeito artesán para domesticar a natureza construíndo muras, adegas e camiños. E outra moito máis recente, de carácter industrial, que a anegou para ocultala, pero non para sempre.
Curiosidades xeolóxicas nas rochas, erosións imposibles, troncos e polas aínda ergueitas logo de medio século no reino do silencio e coas súas gallas en acitude casi humana. Sulcos de regatos tamén secos, como o que foi o escenario da morte do Piloto, o derradeiro guerrilleiro. Cromatismos de lodos e areas, contrastes que rozan o extraordinario ou que máis ben parecen recollidos polas cámaras de sondas espaciais explorando outros mundos. Escaleiras no medio da nada, ferros, zapatos e botas de quen sabe quen engulidos pola terra, plásticos, óxido, vellas construcións convertidas en arqueoloxía. E na mesma presa tamén quedou ao desuberto a cara interior da xigantesca bóveda de gravidade de formigón que retén a masa de auga do maior encoro de Galicia.