Os tres tesouros arquitectónicos do corazón de Galicia

Rodrigo Fernández
Roi Fernández MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

A igrexa nova, o edificio da central de Belesar e a antiga casa de Lemos son obra de arquitectos moi recoñecidos

31 oct 2017 . Actualizado a las 09:25 h.

En Chantada atópanse tres construcións deseñadas por recoñecidos arquitectos e que se suman ao conxunto de elementos turísticos que posúe este concello. A Casa de Lemos o edificio de control da central hidráulica de Belesar e a igrexa nova da vila forman un trío de recuperación histórica e modernidade no corazón de Galicia.

Fernández del amo

A obra que quedou encaixada nunha esquina. Nun terreo que hoxe fai esquina na rúa Xoán XXIII con Fontearcada e que no seu día foi cedido por Manuela Lorenzana, foi construída en tres etapas a igrexa nova de Chantada, un proxecto do arquitecto José Luís Fernández del Amo (Madrid, 1914?Valdelandes, 1995). Da primeira, do ano 1966 ao 1967, encargouse a empresa de construción de Julio Souto Rodríguez. Logo de dous anos parada, a obra foi retomada en 1969 por Construcciones Iglesias, que en 1971 lle deu o relevo á empresa Medela para que esta rematase a obra a comezos dos anos 80. Hai catro igrexas modernas en Galicia creadas por este arquitecto, tres están na provincia de Lugo: a da Santa Cruz na Cruz do Incio, a de San Antonio de Padua en Lugo e esta de Santa Mariña de Chantada. A cuarta é e a igrexa de Santa María de Baio, na provincia da Coruña. Debido á organización urbanística da vila de Chantada, este edificio con ábsida semicircular, non atopou o lugar axeitado. Ao facer liña coa rúa Xoán XXIII e lindar cun edificio, foi tapiado o espazo valeiro da curvatura da absida cun muro de dubidosa estética, de bloques de cemento con cristais na cima de dubidosa estética.

juan castañón de mena

Modernidade e luz onde se fai luz. Juan Castañón de Mena, arquitecto (Madrid, 1903-A Coruña, 1982), arquitecto de recoñecemento internacional, é o deseñador do edificio da subestación do encoro de Belesar na parroquia de San Fiz en Chantada ao carón do muro da presa. É unha obra senlleira pola sua enxeñería e arquitectura. Na súa preparación, Juan Castañón traballou en coordinación co enxeñeiro galego e deseñador dese encoro, Luciano Yordi de Carricarte (A Coruña 1917-1978)

Un baixo e duas prantas acristaladas con forma de prisma rectangular, peldaños de escaleiras que parecen desafiar á gravidade, unha sala de mandos que fai lembrar un escenario futurista de película dos anos cincuenta, placas megalómanas de recoñementos, elegantes mármores e pedras pulidas, o ascensor máis alto de Galicia -así dicían os traballadores guías de Fenosa nas visitas- que baixa ata as mesmas entrañas da terra, así como o impactante contraste coa arquitectura rural da zona e o medio natural onde está configuran a identidade e calidade de este edificio que recibe un bo número de visitas de colectivos relacionados coa arquitectura e que ademáis está inlcuído nunha lista para o seu recoñecemento de Ben de Interese Cultural pola Academia Galega de Belas Artes. O edificio pódese visitar en grupos previa cita con Gas Natural Fenosa chamando ás oficinas desa empresa na Batundeira, en Ourense.

Manuel gallego jorreto

A casa do Barbas, que dá a dúuas prazas e unha rúa. A Casa de Lemos presume de ser a máis antiga de Chantada. Foi construída bo ano 1551, aínda que tamén hai quen se atreve a datala no 1391, como aprarece nun debuxo a carbón asinado en 1993 por L. Sáez. Puidera ser, porque o edificio sufríu modificacións ao longo do tempo. Suponse que nun principio eran cortes de cabalos que se foron ampliando ata convertirse nunha casa con vivenda, pódense ver nas basas, fustes e capiteis que a circundan case na sua totalidade, que non pertencen a un mesmo xeito, como se fosen aproveitados doutras vellas construccións, e que poideran pertencer á desaparecida casa do Marqués de Astorga. De feito, nunha ocasión tivo que intervir a marquesa nun dos diversos pleitos que tivo esta propiedade.

Ocupa un lugar de privilexio no corazón histórico da vila, pois un lateral está no Cantón, a fachada principal na praza do Mercado e a cara do poñente na rúa 2 de Maio. É neste lado da casa onde se pode ver unha pedra de armas anterior ao ano 1668 e que pertencería ao crego Pedro de Moure Ulloa, quen fora párroco da igrexa de Chantada. O seu último morador foi Joaquín de Lemos Varela, coñecido polo alcume de O Barbas, debido á sua longa e branca barba.

O baixo deste senlleiro edificio albergou un comercio rexentado por un personaxe chegado das terras de Nogueira de Ramuín, de apelido Soto e esa tenda foi o xermolo dunha coñecida banca local. Logo e ata os anos 70 tivo un espazo do baixo onde unha muller, de xeito artesán, elaboraba as hostias para a misa. Ocupando a maior parte do baixo e na porta pricipal estivo a tenda da Rogelia, que pechou poco antes da remodelación do edificio, dirixida polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto (Carballiño, 1936) que soubo preservar certos elementos de idententidade historica, fundíndoos con novos espazos funcionais no que a luz vertical domina o ambiente. Antes da obra, no interior da casa había unha enorme rocha que foi retirada pola mesma empresa á quen se lle contratou a obra, Entrecanales y Távora, construtora tamén un pouco antes da nova ponte sobre o Miño. A maneira na que foi eliminada a rocha supuxo toda unha innovación, pois evitouse a sua voladura cun revolucionario líquido desintegrador traído do Xapón.

Hoxe o inmoble, que foi rehabilitado para acoller a Casa da Cultura, alberga moitas máis dependencias municipais, como un salón de plenos, a biblioteca, a oficina de turismo, a de información ao consumidor e unha ludoteca, e tamén é o lugar de presentacións de eventos, charlas de asociacións e outras actividades. A Casa de Lemos pódese visitar tódolos días.