Regueira presentará mañá en Taboada unha novela baseada en feitos reais da Guerra Civil e o franquismo
21 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Natural de Ouriz -na parroquia de Cicillón-, Rosario Regueira Cereijo foi concelleira do BNG na corporación municipal de Taboada. Na actualidade vive en Lugo e traballa no Corgo nun centro de atención a persoas maiores. Ás oito da tarde de mañá presentará na Casa de Cultura taboadesa a súa novela Cando pasou o que pasou, baseada en feitos reais acontecidos na Guerra Civil e na posguerra.
-¿Que conta a súa novela?
-É a historia dunha familia moi próxima a min que quedou moi marcada pola represión franquista. O que conto non sucedeu en Taboada senón en lugares como Miño, A Coruña e Porto do Son. Pero é algo que podería ocorrer en moitos outros lugares, porque houbo miles de familias que se viron moi afectadas por aqueles sucesos históricos.
-¿En que medida é realidade e ficción o que narra nesta obra?
-O protagonista é un home natural de Miño que existiu realmente, chamado Antonio Varela e coñecido como Pepe Lobo. Foi preso polos sublevados e condenado a morte polas súas ideas. Estaba encerrado no castelo de San Antón, na Coruña, e unha noite conseguíu fuxir saltando ao mar desde unha fiestra en pleno xaneiro. Atravesou nadando a ría e chegou a terra en Santa Cruz, pero despois foi apresado de novo e acabaron por matalo. Na novela recreo as cousas que lle puideron pasar pola cabeza cando fuxía a nado e iso é ficción, claro, porque non é posible saber o que pensou neses momentos. A súa viúva casou despois cun home dunha familia de antigos fomentadores cataláns de Porto do Son que foi militar do réxime de Franco. Neste caso a realidade superou a ficción.
-¿Cre que os sucesos desa época non están suficientemente reflectidos na literatura galega?
-Penso que quedan moitas historias por contar, sobre todo as das familias humildes que sufriron a represión. Hai moitas cousas que seguen sen coñecerse. Por exemplo, a día de hoxe non é posible saber onde foi enterrado Pepe Lobo. Tense falado moito sobre o que padeceron algúns personaxes públicos, como políticos e intelectuais, pero non tanto sobre as persoas anónimas. Houbo moitísimos casos como os que conto no meu libro e da maioría deles non se sabe nada. Hai mesmo moita xente que ignora que nas súas propias familias pasaron cousas como estas.
-¿A que se debe este esquecemento?
-O franquismo obrigou á xente a silenciar a súa memoria de tal maneira que moitas persoas afectadas pola represión nunca chegaron a poder verbalizar plenamente aqueles feitos dolorosos. Gardáronos nun recuncho da súa memoria e non llos contaron a ninguén. Non querían falar deles ou ben facíano de forma indirecta. O título da novela, Cando pasou o que pasou, é a expresión que usaron algunhas persoas moi maiores que foron testemuñas deses feitos cando eu investigaba para escribir este libro. En vez de falar abertamente da guerra, da represión e da morte de Pepe Lobo, dicían simplemente iso.
-¿Pensa seguir investigando outros feitos deste tipo?
-Non o descarto, porque todo o que poidamos facer para recuperar esa memoria histórica é pouco. Hai moitas historias por contar e cada vez queda menos xente que poida contalas, porque os que viviron eses feitos xa son poucos e están moi maiores. Pero a nivel persoal é moi custoso investigar sobre esa época, porque é difícil encontrar testemuñas que queiran falar, e cando as encontras hai que que escoitar historias moi duras.
Entre historias de mulleres e a tradición galega do atletismo
Cando pasou o que pasou é o terceiro libro de Rosario Regueira. Anteriormente publicou a novela Sabela e o ensaio Esbozos do deporte galego: Unha aproximación ao atletismo.
-¿A súa nova novela ten algunha relación coa anterior?
-As dúas son novelas históricas con base real pero son moi diferentes, porque Sabela conta a historia de cinco xeracións de mulleres. A primeira e a última chámanse igual, aínda que naceron con cen anos de diferenza. Aparecen tamén a guerra e o franquismo, porque forman parte do período histórico no que suceden estas historias, pero están enfocados doutra maneira. Esta novela está moi relacionada con Taboada, aínda que os nomes reais das localidades destas terras non se mencionan en ningún momento.
-¿Como chegou a escribir sobre atletismo?
-Non son praticante de ningún deporte, pero por cuestións familiares estiven moi relacionada co mundo do atletismo. Pareceume interesante falar deste deporte porque en Galicia ten unha tradición importante que é moi pouco coñecida. Preparar esta obra foi algo esgotador para min, levoume case dous anos de traballo, pero quedei satisfeita. O libro foi editado co apoio da Federación Galega de Atletismo.
-¿Está preparando agora algún outro libro?
-Si, estou escribindo unha novela que trata sobre mulleres maltratadas e que transcorre entre os anos 40 e 80. Polo tanto, volvo revisar dalgunha maneira a época do franquismo, como nas miñas dúas outras novelas.