«A luz e as cores de Monforte son algo moi íntimo para min»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

Afincada en Eivissa, Caíca Sogo presenta por primeira vez as súas obras na súa cidade natal

29 dic 2017 . Actualizado a las 18:05 h.

A Casa de Cultura monfortina acolle ata o 13 de xaneiro a exposición Luces de fóra a dentro, da artista monfortina Caíca Sogo. Afincada desde hai dúas décadas en Eivissa, onde traballa como profesora de matemáticas, ten mostrado as súas obras en varias exposicións colectivas e individuais. Esta é a primeira vez que expón na súa cidade natal.

-¿Canto tempo leva dedicándose á pintura?

-Comecei a pintar con cores en torno ao 2014. Antes facía debuxos ao carbón. A miña formación é matemática, non artística, pero sempre tiven a necesidade de facer cousas creativas. Xa levo un tempo facendo exposicións, pero ata agora non puiden traer ningunha a Monforte porque transportar todos estes cadros desde Eivissa é moi complicado.

-Na súa exposición hai moitas paisaxes, pero tamén outras obras de temáticas moi variadas.

-A exposición reúne máis ou menos a metade de toda a miña obra e mostra as diferentes temáticas nas que traballo. Hai pinturas representativas de todas as etapas polas que fun pasando. Comecei con pinturas de tema familiar e despois pasei a pintar paisaxes, pero tamén outras cousas moi diferentes. Ultimamente estou explorando a pintura abstracta e na exposición hai tamén algunhas mostras desta etapa.

-¿Que influencia teñen nas súas paisaxes os lugares onde viviu?

-Teñen unha influencia moi importante. Gústanme moito a luz de Eivissa e as cores características do Mediterráneo, que son moi diferentes das do Atlántico, e pintei cadros inspirados nesas paisaxes. Pero interésanme tamén as luces e as cores do outono de Galicia. Sobre todo as de Monforte, que para min son algo moi íntimo porque me recordan a miña infancia e a miña mocidade. Levo moitos anos fóra, pero sempre fun e sempre serei de Monforte. Para as paisaxes monfortinas inspireime en fotografías de Miki Fernández, un fotógrafo que ten imaxes marabillosas.

-Algunhas das súas pinturas inclúen textos e números.

-Pintei varios cadros que son como unha homenaxe ao meu avó e reproducín uns apuntamentos que el fixo cando estudaba matemáticas por correspondencia mentres facía o servizo militar. Tiña unha caligrafía preciosa, moi típica daqueles tempos, que é unha obra de arte en si mesma. Tamén teño obras baseadas nas matemáticas e nas figuras xeométricas. É unha influencia da miña especialidade profesional e tamén da miña familia, porque a maioría dos meus familiares estudaron ciencias.

-Unha das súas paisaxes monfortinas tamén contén frases escritas. ¿De onde proceden?

-Son textos extraídos de varios poemas de Lois Pereiro. É unha paisaxe con néboa, que me parece máis adecuada para combinar coa poesía de Pereiro, que ten como unha tonalidade escura.