«Aira ten dimensión para ser moi competitiva nos próximos anos»

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Este gandeiro de Chantada leva case trinta anos traballando na xestión e fusión de cooperativas

16 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A cooperativa chantadina Icos deixou de existir oficialmente o pasado 1 de xaneiro. Integrada agora como unha das pezas fundadoras máis grandes da nova sociedade Aira, Icos era á sua vez o resultado da fusión doutras tres cooperativas agrarias de Chantada. Todos estes movementos formarán parte da historia do cooperativismo galego, e dela sabe moito Javier Taboada. Aos seus 56 anos, este gandeiro de Chantada leva 28 traballando tamén na xestión de cooperativas. Foi presidente de Icos durante os dezasete anos de historia desta entidade e é vicepresidente de Aira.

-Non se retira vostede da xestión

-Son vicepresidente de Aira e en principio adoptei o compromiso de seguir para axudar a darlle estabilidade á nova cooperativa.

-Icos acaba de pechar o seu ciclo de dezasete anos. Cal é o momento máis complicado desde o 2001, o ano da súa fundación?

-O proceso de integración e os primeiros anos foron complicados. Houbera un primeiro intento en 1997 que non callou porque as asembleas das cooperativas anteriores non aprobaron a fusión, así que a segunda negociacición xerábanos aos que estabamos traballando nela unha certa ansiedade. E despois houbo un momento moi baixo no 2009, provocado pola situación do mercado.

-Chegaron a pensar nalgún momento que os problemas serían insuperables?

-No, sabiamos que eran problemas que se podían superar. No consello de dirección de Icos sempre estivemos moi unidos e sentiamos que tiñamos o respaldo dos socios.

-E o momento máis satisfactorio destes dezasete anos?

-Houbo moitos bos momentos, pero o proxecto da fábrica de penso de Aira en Taboada, que empezou a producir a finais do 2009, foi un paso moi importante. Houbo que convencer a moitas cooperativas. A verdade é que foi un orgullo participar nun investimento dese tamaño e na posta en marcha dunha fábrica desa categoría. E evidentemente o éxito dese proxecto está na base da actual fusión na nova Aira.

-Cal debería ser o seguinte paso?

-Temos que asentar a integración e desenvolvela, facer universais os servizos que reciben os socios en todas as zonas nas que está presente Aira. Iso vainos levar probablemente dous ou tres anos. E despois diso hai que estar sempre abertos a xerar valor para os socios. Aira vai ter a suficiente dimensión como para ser moi competitiva nos próximos anos. O seu éxito vai depender, igual que dependeu o de Icos, de como saiba responder ás necesidades dos socios dentro de cinco ou de dez anos.

-E vostede pensa que esa demanda irá máis pola prestación de servizos ou pola garantía dun mercado a prezos razoables para os seus produtos?

-O proceso de concentración das explotacións gandeiras vai ser imparable. Van quedar poucas e grandes, Aira dá este paso para industrializar e xerar valor aos productos dos socios. No sector hai un antes e un despois da eliminacións das cotas lácteas e os socios van querer incrementar máis a produción.

-A fusión con Clun. a outra gran cooperativa gandeira galega, é un obxectivo desexable?

-Hai que velo. Cando te xuntas hai que facelo par xerar valor, non para xerar problemas. No seu momento, cando estea sobre a mesa, xa se verá. A curto prazo, como mínimo nos próximos dous anos imos ter moito traballo asentándonos e tratando de mellorar a nosa xestión para ser competitivos.