A o longo da historia houbo moitas epidemias letais. Algunhas delas como cólera ou a varíola, moi antigas, convertéronse en pandemias con grandes rebrotes posteriores. Aparte da varíola, no antigo Exipto da primeira que hai datos foi da peste Antonina no ano 165. Catrocentos anos despois, foi a peste de Xustiniano. Oitocentos anos máis tarde houbo a peste negra do 1346. Pasaron outros cincocentos anos e aparece o cólera, no 1817. No século XX tivemos a gripe A, a gripe de Hong Kong e a gripe española. No que vai de século XXI, van catro pandemias: SARS, no 2002; ébola, no 2014; VIH, no 2016; e, agora, o coronavirus. Iso sen contar con epidemias que provocaron miles de mortos noutros continentes pero que non afectaron tanto ao chamado mundo rico. Quere dicir isto que as pandemias, como os cambios sociais, cada vez prodúcense en intervalos máis curtos de tempo e irrádianse a partir das grandes urbes.
Temos pois que pensar pois que unha próxima pandemia é algo moi probable. E, para nosa desgraza, seguirá collendo ao país coas defensas baixas, aos políticos na lúa e aos científicos a pau seco. As presións sobre o Goberno tanto para deixar saír aos nenos como para abrir empresas son moi fortes, moitas veces co único argumento de facer as cousas doutra maneira. Os problemas psicolóxicos e depresivos que poden derivar do confinamento foron un argumento poderoso. Non así para o meu neto de seis anos que ante o anuncio de súa nai de que a partir de xa ía poder ir con ela levar o lixo deu unha a resposta contundente: «E para que vou ir?». El ten o privilexio de vivir na que outros chaman segunda residencia porque seus pais non teñen complexo en ser aldeáns, algo que pesa moito na idiosincrasia do noso pobo.
Logo destas reflexións, oprímenme as dúbidas ante as seguintes preguntas: Van os gobernantes favorecer a deslocalización de empresas das grandes cidades? Vaise favorecer o desenvolvemento das pequenas vilas, dotándoas de servizos públicos axeitados e evitando así o desprazamento da xente do campo en busca dos servizos que ofrecen as grandes urbes provocando o abandono do rural? Van os políticos orientar a súa xestión a favorecer a posta en valor das 600.000 hectáreas de terreo improdutivo que temos en Galicia e a reorientar a política forestal de 2.000.000 de hectáreas de terreo forestal ou, pola contra, seguirán arrastrando a xente a colmeas nas cidades como ata agora?
Van os políticos darse conta de que situacións como esta só se aguantan grazas a un sector primario forte? Van primar no futuro as políticas sociais deixando de considerar aos maiores como unha materia prima da que algúns logran sacar beneficio? Tomarán nota eses políticos que teñen que levar escrita a súa intervención -logo de rebuscar no dicionario os adxectivos que deben empregar- de cal foi o sector económico que salvou a situación e está salvando a vida de máis dun millón de españois que fan cola no banco de alimentos? Pasará a investigación a considerarse como o mellor investimento para unha sociedade desenvolvida e protexida? Envolto nestas moitas dúbidas, quedo coa esperanza de que a partir de agora pode ser posible outra política que non sexa aproveitar a chamada reconstrución do país para aumentar aínda máis as privatizacións. Esta pandemia veu poñer as cousas no seu sitio, pero moito me temo que non nos deamos por enteirados. Porque non hai peor cego que o que non quere ver e así seguiremos, de pandemia en pandemia. Mentres tanto, mellor #quedanaladea.