O festival celebrarase dentro da ferrería de Seoane e será emitido por Internet
18 jul 2020 . Actualizado a las 12:40 h.O Filandón de Músicas do Courel volverá celebrarse este ano a pesar da crise sanitaria, pero por primeira vez na súa historia non terá lugar ao aire libre. A nova edición do coñecido festival de música tradicional -será a número 23- desenvolverase esta vez no interior da ferrería restaurada de Seoane, cun número moi reducido de participantes e de espectadores. «Decidimos facelo así para evitar riscos, porque o normal é que se xunten centos de persoas e entre elas sempre hai moitos maiores», explica Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas de Ourense e promotor do festival.
O programa de actividades da xornada, por outra parte, non comprenderá esta vez unha misa nin un xantar popular, ao contrario das anteriores edicións. Os organizadores estudarán ademais posibilidade de instalar no exterior da ferrería unha pantalla de gran tamaño para que as actuacións poidan ser seguidas desde fóra por outros espectadores, gardando entre eles a distancia de seguridade. No interior do edificio, apunta por outro lado Xosé Lois Foxo, probablemente non chegará a haber máis de cincuenta persoas.
Para compensar todas estas limitacións, o Filandón de Músicas do Courel será transmitido en directo por Internet a través dun canal que se creará expresamente no portal YouTube. Os organizadores xa contrataron a unha empresa que se encargará de levar a cabo a emisión dixital. «Instalaremos ademais unha iluminación especial dentro da ferrería para que quede resaltado o seu valor arquitectónico», sinala Foxo. «Tamén pensamos ofrecerlle á Televisión de Galicia a posibilidade de emitir o festival se lles parece conveniente», engade. Pese a que van ser poucos os espectadores que poidan asistir en persoa, agrega Foxo, «vaise facer o posible para que o Filandón de Músicas do Courel chegue máis lonxe que nunca».
Homenaxe á última cantora de Margaride e a todas as vítimas da pandemia
A nova edición do Filandón de Músicas do Courel estará dedicada á memoria de Argentina Rodríguez Pardo, falecida a finais de xuño, que foi a última compoñente viva do trío Cantores da Seitura -todos eles veciños da localidade quiroguesa de Margaride de Lor-, que participaron de forma asidua no festival. A homenaxeada estivo presente como intérprete na última edición.
Por outra parte, durante o festival interpretarase a peza O cantar da primavera, composta recentemente por Xosé Lois Foxo en homenaxe aos maiores e ás vítimas da pandemia, e inspirada en diversas melodías tradicionais. No programa figura tamén unha actuación de Jacinta Fernández Alonso, unha cantora popular da localidade de Lentellais -no concello ourensán do Bolo-, que compuxo unha canción sobre a epidemia utilizando como base os tradicionais cantares de cego.
Actuación de Xabier Díaz
No festival tamén actuará como convidado o músico coruñés Xabier Díaz, antigo integrante de grupos como Berrogüetto, Rumbadeira e aCadaCanto. Como é habitual, no programa figurarán varios músicos populares da Serra do Courel e de territorios próximos.