Correos edita un selo coa efixie de Lois Pereiro no 25 cabodano do seu pasamento
LEMOS
Foi encargado polo Ateneo Casino de Monforte dentro dos actos que ten organizados esta entidade para conmemorar o aniversario
07 jul 2021 . Actualizado a las 14:44 h.O poeta Lois Pereiro xa ten o seu propio selo. O Ateneo Casino de Monforte encargou este ano a Correos a realización dun selo co que conmemorar o 25 aniversario do pasamento do autor de Poesía última de amor e enfermidade. Os responsables desta entidade anunciaron este mércores que parte da tirada deses selos está xa en circulación., xunto cunha postal creada tamén para a ocasión.
O selo e a postal locen deseños semellantes, obra de Amanita Studio. «Tratándose dun poeta tan viaxeiro como Lois Pereiro, é fermoso pensar que estes postais e selos están agora mesmo circulando polo planeta», explica Xepe Rodríguez, un dos impulsores da iniciativa «25 anos con Lois Pereiro», a programación especial que con motivo deste aniversario ten en marcha o Casino Ateneo de Monforte.
Esa programación abriuse co denominado acto expansivo do pasado 5 de xuño, que incluíu a publicación nas redes sociais de fragmentos en vídeo de lecturas de poemas de Lois Pereiro protagonizados por outros escritores e tamén por persoas anónimas desde diferentes lugares de Galicia e doutros países. Os portavoces do Ateneo Casino aseguran que esta entidade irá anunciando ao longo deste ano máis iniciativas ideadas para conmemorar esta efeméride.