A carta de presentación do Ucoga Seguros CB Chantada non pode ser mellor. A pasada fin de semana proclamouse campión da copa Galicia por cuarta vez na súa historia. Para Alberto Fafián a consecución deste título reforza a confianza dunha plantilla ilusionada.
-Que supón ter gañado a copa?
-Supón un reforzo anímico tremendo, non só para o equipo, senón tamén para o noso patrocinador principal Ucoga Seguros, a directiva, a afección , o pobo, así coma para o resto de patrocinadores e socios protectores que sempre estiveron con nós.
-Esta fin de semana comezan en Segovia, como se presenta o partido ante o Claret?
-Coma todos os desprazamentos desta liga, complicado, moi complicado, e despois de seis horas de viaxe pois aínda mais. É un equipo recen ascendido, que mete moita xente no seu pavillón. Falamos dun plantel novo e con moitas ganas de agradar. Importante empezar moi serios, porque
sabemos que nos van apretar moito fisicamente.
-Veñen de asinar un convenio con Ensino e CB Val de Lemos, como repercutirá no CB Chantada?
-O Convenio xorde da idea de unir forzas e tratar de impulsar as categorías base na zona sur. Nun contexto rural coma o noso a dispersión xeográfica é un dos principais problemas á hora de configurar equipos de nenos. Hai que chegar a acordos e dar as máximas facilidades os pais. A idea é asentar as bases, formar adestradores e crear unha estrutura para que os nenos poidan telo máis doado.
-Que papel xoga a afección?
- A afección nunca se foi. Non vos imaxinades coma nos seguiron polas canles de YouTube e
Facebook, a verdade e que rematar un partido e ver 30 ou 40 mensaxes no Whatsapp é de agradecer. Esa é a principal razón que nos obriga a dar o 100%.
-Que mensaxe envía á afección?
- Pois un pouco o de sempre. Imos tratar de facer as cousas da mellor forma posible. Trataremos de ilusionalos unha tempada máis Animalos a que veñan o pavillón, porque este ano o nivel vai ser moi alto e o espectáculo está garantido.