Eliseo Fernández, historiador: «As guerrillas do Courel foron moi difíciles de controlar»
LEMOS
Fernández investiga a historia dos maquis antifranquistas na serra, ssobre a que non se publicou aínda ningún estudo específico
06 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O historiador ferrolán Eliseo Fernández investiga a pouco coñecida historia das guerrillas antifranquistas da Serra do Courel. Sobre esta cuestión tratará unha conferencia que pronunciará o sábado nun congreso que se celebrará no municipio leonés de Carucedo, organizado con motivo do oitenta aniversario da fundación da Federación de Guerrillas de León-Galicia.
—A súa investigación é a primeira que se realiza sobre as guerrillas do Courel?
—Por agora non se publicou ningún estudo dedicado de forma específica ás guerrillas que actuaron neste territorio. Sen embargo, a actividade guerrilleira no Courel foi máis importante do que se pensa, porque nesta zona houbo grupos numerosos e choques armados que causaron bastantes mortes. Polas súas condicións orográficas, a serra foi un territorio moi difícil de controlar por parte das forzas franquistas.
—Canto tempo durou a presenza dos guerrilleiros na serra?
—Teño documentado actividades das guerrillas ata o ano 1943, pero é posible que continuasen durante máis tempo. A miña investigación aínda está en curso e espero conseguir máis información. O que vou expor no congreso de Carucedo é un resumo do que investiguei ata agora. Levo un par de anos ocupándome desta cuestión. Cando dispoña de máis datos espero publicar un traballo, que será o primeiro que se dedique a estas guerrillas.
—De onde procedían os maquis que actuaron neste territorio?
—Ao principio foron sobre todo xente que vivía neste territorio, grupos de fuxidos formados por decenas de persoas. Nos primeiros anos destacouse José María Díaz Marzabal, coñecido por Blanquín. Era natural de Madrid, pero foi adoptado por unha familia do municipio de Folgoso do Courel. Con el estivo Mabilo Sotuela Vila, que era irmán de David Sotuela, un cantante coñecido no seu tempo como o tenor do Courel, que se fixo famoso porque cantou en Arxentina e Cuba. Sotuela morreu en 1937 durante unhas batidas que fixeron efectivos do Exército, da Garda Civil e de Falange. Mabilo Sotuela sobreviviu, aínda que foi condenado a morte polos franquistas.
—Que sucedeu despois?
—Máis tarde houbo grupos máis organizados nos que participaron tamén guerrilleiros doutras partes de Galicia, como Os Ancares, e de León, de lugares como Oencia e Vega de Valcarce. Por outro lado, os guerrilleiros que actuaron na serra nos primeiros tempos e que conseguiron sobrevivir ás batidas participaron despois na creación da Federación de Guerrillas de León-Galicia.
—Cales son os feitos máis destacados que se produciron no Courel durante eses tempos?
—Houbo enfrontamentos importantes entre as guerrillas e grupos de falanxistas que se desprazaron á serra para loitar contra deles. Nun destes choques, en 1937, morreu o responsable local de Falange na localidade de Villarrubín, no municipio de Oencia. Máis tarde, xa nos anos 40, os guerrilleiros mataron en Visuña a un cura que estaba intentando organizar un somatén, ou sexa, un grupo de paisanos armados, coa fin de combater as guerrillas.
—Que fontes utiliza para a súa investigación?
—Unha fonte importante son as causas xudiciais que se conservan no arquivo histórico militar de Ferrol. Tamén investigo sobre algúns testemuños orais e sobre datos dispersos que se divulgan a través de varias páxinas de internet. No proxecto Voces e Nomes tamén se recolleu información relativa ao Courel, pero eses datos tratan máis sobre a represión política —que foi moi forte— que sobre as guerrillas. Un personaxe destacado desa época foi o alcalde republicano Manuel Novo, tío e padriño do poeta Uxío Novoneyra. Houbo quen o quixo relacionar coas guerrillas, pero cando se entregou aos franquistas non se puido demostrar que tivese participación neses feitos. Iso si, tivo que pasar moito tempo agochado nunha casa particular para fuxir da represión.