Os organizadores do Oso de Salcedo: «Estamos todos expectantes e con moitas ganas»

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Tanto ten o disfraz que un leve, o normal no entroido de Salcedo é acabar manchado polo Oso
Tanto ten o disfraz que un leve, o normal no entroido de Salcedo é acabar manchado polo Oso ROI FERNÁNDEZ

As persoas que colaboran co entroido máis salvaxe da Ribeira Sacra confían en que os dous anos de parada pola pandemia non lle restase público

15 feb 2023 . Actualizado a las 20:36 h.

O Oso de Salcedo volve saír en Salcedo este luns e vaino facer con fame atrasada, a que foi acumulando nos dous anos en branco da pandemia. Nesta parroquia da Pobra do Brollón téñeno todo listo para unha fin de semana de Entroido que trae ademais a novidade da recuperación dos denominados Disfraces de Campo, unhas representacións cómicas a base de mímica que acompañarán o domingo a saída das Madamas e os Danzantes. A organización, como sempre, é cousa da xente de Salcedo. A presidenta da asociación de veciños, Noa Moreira, espera que estes días quede claro que o Entroido de Salcedo superou con boa saúde a proba da covid. O pregón correrá este ano a cargo do cineasta Alfonso Zarauza.

-Sufriu o entroido de Salcedo co parón da pandemia?

-A verdade é que so non o saberemos ata que chegue o día. De momento, eu penso que non. Máis ben estamos todos expectantes e con moitas ganas.

-Esta fin de semana e, sobre todo, o luns saberase se perdeu algo do seu poder de convocatoria, pero desde dentro xa saberán se segue habendo sente para preparalo e se o fan coa mesma intensidade que antes.

-No traballo de organización da festa non falta ninguén, estamos todos os que estivemos sempre.

-Hai voluntarios de abondo para facer de oso e de criados?

-O problema é o contrario. O problema é cadrar as cousas para que todos os que queren ser criados poidan selo un ano ou outro.

-Pois para facer de Oso aínda haberá máis lista de espera.

-Iso lévano eles e eu non me meto, pero sei que falta de candidatos non hai. Desde logo que non.

-Aínda quedan entradas para as representacións de teatro popular do sábado e o domingo?

-Este domingo aínda quedaban, pero hoxe xa non sei se haberá.

-Cantas se poñen á venda?

-As mesmas de todos os anos: 450 para cada un dos dous días.

-Que trae de novo este ano a festa do Oso de Salcedo?

-A propia volta da festa despois de dous anos sen facela, que imos ter grupos de música e non só orquestras e tamén a recuperación dos Disfraces de Campo, que son unhas representacións cómicas a base de mímica que acompañarán o domingo a saída das Madamas e os Danzantes.

-Canto tempo había que non se vían estres Disfraces de Campo en Salcedo?

-Deixáronse de facer nos anos 2000, porque eramos os mesmos os que traballábamos para organizar o teatro e o Oso e non nos daba tempo para todo. Pero agora hai voluntarios, tanto de dentro de Salcedo como de fóra, que se puxeron as pilas e fan posible que os Disfraces de Campo volvan saír.

Noa Moreira é a presidenta da asociación de veciños de Salcedo
Noa Moreira é a presidenta da asociación de veciños de Salcedo

Oso de Salcedo 2023. O programa completo

Sábado, 19 de febreiro

  • 22:30 horas. Primeiro pase do teatro popular de Salcedo*, no pabillón da asociación de veciños.

Domingo, 20 de febreiro.

  • 17:00 horas. Pregón, con Alfonso Zarauza, director de cine galego e gañador de 13 premios Mestre Mateo pola película Ons no ano 2021. Despois do pregón sairán as Madamas e os Danzantes e, por primeira vez en moito tempo, os Disfraces de Campo.
  • 22:30 horas. Segundo pase do teatro popular de Salcedo, no pabillón da asociación de veciños.

Luns, 21 de febreiro.

  • 17:00 horas. Saída do Oso

*As entradas para o teatro están á venda en Salcedo na Cantina de Julia (982430222) e no Hotel O Forno-A Salanova (982430501).