Marta Gómez Fandiño: «Non pode ser que Galicia vaia estar á cabeza do abandono rural en Europa»

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Marta Gómez presentou este xoves en Lugo o traballo premiado
Marta Gómez presentou este xoves en Lugo o traballo premiado LAURA LEIRAS

Esta ferrolá desenvolveu en Lugo un método de análise das aldeas modelo

01 dic 2023 . Actualizado a las 11:24 h.

Marta Gómez Fandiño é a gañadora do primeiro premio da sexta edición do certame Rafael Crecente. Organizados pola Universidade de Santiago a través do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) e coa colaboración do Laboratorio do Territorio desa mesma universidade, o obxectivo destes premios é promover a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras que teñan a ver co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión do territorio. O proxecto de Marta Gómez, ferrolá residente en Lugo e graduada en enxeñería técnica agrícola no campus lucense desenvolve unha ferramenta analítica para avaliar os resultados das aldeas modelo, un dos instrumentos legais cos que a Xunta trata de recuperar terras agrarias abandonadas.

—Por que un traballo así sobre as aldeas modelo?

—A miña idea inicial era tratar o problema do abandono de terras agrarias, un problema que temos en Galicia desde hai moitos anos, pero que se segue agravando. Centreime nas aldeas modelo porque é un instrumento relativamente recente e con aspectos novos. E o caso é que non hai que eu saiba ningunha ferramenta de análise sistematizada que sirva para ver se as aldeas modelo están cumprindo os obxectivos para os que foron ideadas. Así que o que fixen foi estudar as aldeas modelo e crear uns descritores que permitan avaliar os resultados que están comezando a dar.

—E cal é a conclusión?

—Que si que están funcionando, a pesar de que se encontran nun estado aínda inicial. O feito ata agora parece que si cumpre obxectivos, aínda que a modiño, porque tamén hai que ter claro que a realidade é a que é.

—E non lle dá a sensación de que finalmente propostas como as das aldeas modelo teñen un efecto moi limitado?

—Hai que ter en conta que todas estas medidas levan unha burocracia enorme. Tenas que pedir o Concello, deben estar de acordo o 70% dos propietarios... todo iso pode levar anos. Pode parecer que vai lento, pero non creo que sexa porque non haxa traballo detrás. Reducir a burocracia pode non ser posible, porque ao final todos eses terreos teñen propietarios e todos sabemos como é a propiedade aquí en Galicia e o delicado que pode resulta xogar con ela. Agora están declaradas 21 aldeas modelo, en fases distintas de desenvolvemento. As máis avanzadas son as primeiras, as declaradas no 2019. Está claro que queda moito por facer, pero estas 21 poden ser un exemplo para outras que deben vir no futuro. No meu traballo de fin de máster fago referencia a un estudo recente dunha universidade de Valencia que nos augura que Galicia estará no 2030 á cabeza na porcentaxe de abandono do medio rural en Europa e iso non pode ser. Non podemos estar á cabeza diso co potencial que hai aquí.

—Aínda é certo que temos potencial?

—Claro, é evidente que o potencial está. O que sucedeu é que tal como funciona a sociedade, o rural foi quedando de lado. Igual este é o momento de retomalo, de que o rural recupere actividade e a xente volva.

O palmarés da sexta edición dos premios Rafael Crecente

Primeiro premio

  • Marta Gómez Fandiño: Estudo sobre recuperación de terras agrarias de Galicia a través das Aldeas Modelo

Segundo premio

  • Akaitz Sarasola Mugertza: Recuperación dunha plantación de castiñeiros dunha hectárea en Koate, na localidade guipuscoana de Lizartza

Accésit

  • Vanessa Miramontes Viña:  Emprendemento e renovables: as comunidades de enerxías renovables como base dun desenvolvemento rural sostible