Berta Varela, historiadora: «A maioría dos murais das igrexas da Ribeira Sacra son do gótico tardío»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Berta Varela publicou un estudo sobre a arte das igrexas da Ribeira Sacra
Berta Varela publicou un estudo sobre a arte das igrexas da Ribeira Sacra CEDIDA

Varela dará unha charla en Pantón sobre as pinturas de Atán, Eiré e Pombeiro

12 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A historiadora da arte Berta Varela Rodríguez (Chantada, 1998) participará na nova edición das Xornadas da Rota do Románico de Pantón cunha conferencia sobre as pinturas murais das igrexas de Atán, Eiré e Pombeiro. Será o día próximo día 28 na Casa de Cultura de Ferreira. Varela publicou o ano pasado na revista cultural chantadina Alicerces un traballo sobre a iconografía pictórica das igrexas da Ribeira Sacra.

—En que épocas foron pintados os murais destas igrexas?

—Na igrexa de Pombeiro sábese a data con exactitude grazas a unha inscrición que se conserva no presbiterio, nunha pintura que representa a escena das lamentacións ante o Cristo morto. A data é de 1462. A maioría dos murais das igrexas da Ribeira Sacra son dese período, de entre finais do século XV e principios do XVI, aínda que non son todas estritamente da mesma época. Estas pinturas son clasificadas en xeral como renacentistas. Non é unha clasificación mala e foi usada por diferentes especialistas, pero entendo que é mellor definilas na súa maior parte como tardogóticas ou do gótico tardío.

—Por que razón?

—Porque son dunha época de transición que nin é de todo gótica nin de todo renacentista. Hai algunha excepción, como as pinturas da igrexa de Santa María de Pesqueiras, en Chantada, que si son renacentistas. Pero na maioría dos demais casos fáltalles aínda un último fervor para ser plenamente renacentistas.

—En que se nota?

—Nas pinturas renacentistas hai unha configuración do espazo no que aparecen os personaxes representados, é dicir, hai unha paisaxe arredor deles, e a perspectiva está moito máis traballada. Iso non sucede na pintura da Idade Media, na que se encadra o gótico. Neste caso non hai un fondo no que estean englobadas as figuras, as perspectivas son máis rudimentarias... Iso é o que ocorre na maioría dos murais das igrexas da Ribeira Sacra. E ademais hai un tratamento dos tons nos vestidos dos personaxes que lembra a pintura flamenga, a artistas como Van Eyck, que tamén son dunha época de transición entre a arte gótica tardía e a renacentista.

—Sábese quen foron os artistas que pintaron estas obras?

—Nesa época normalmente non se asinaban as pinturas e non coñecemos os nomes dos autores. Estes murais foron pintados por obradoiros, por equipos dirixidos por un mestre, que ían dun lugar a outro para decorar igrexas por encargo. Os temas máis típicos que lles encargaban eran escenas da vida de Cristo. E tamén representacións do Xuízo Final, que eran moi solicitadas porque servían para advertir aos fieis sobre o que lles sucedería se caían no pecado. E logo hai imaxes de santos, como san Cristovo, Santo Estevo, santa Lucía...

—Os obradoiros que pintaron os murais das igrexas de Pantón traballaron noutros lugares da Ribeira Sacra?

—Na igrexa de Pombeiro traballou posiblemente o mesmo obradoiro que fixo as pinturas do presbiterio de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada, porque hai unha similitude importante no aspecto do solo sobre o que se encontran as figuras. É un solo de aspecto árido que non atopei en pinturas feitas noutros lugares. Pero iso non quere dicir que este sexan os únicas obras que comparten ese trazo, porque seguramente hai máis.

—Cambiou moito o aspecto destas igrexas con relación á época en que se pintaron eses murais?

—Temos a idea de que as igrexas románicas son un espazos lúgubres e escuros, pero esa é unha óptica moderna que non se corresponde co aspecto que presentaban hai séculos. Neses tempos as igrexas estaban alumeadas con moitas velas, decoradas con pinturas e tapices... Ademais, nalgúns casos tapiáronse as ventás para construír edificios anexos, polo que agora non lles entra tanta luz natural como antes. Noutros tempos estas igrexas tiñan un aspecto moito máis luminoso que o que teñen hoxe. Por outro lado, o uso de tantas velas tinguía e deterioraba as pinturas, polo que chamaban aos obradoiros que as pintaran para que as refixesen. Despois de pasar a época que podemos chamar de esplendor as igrexas deixaron de pintarse e repintarse. Veu un tempo no que proliferaron as epidemias e as pinturas foron tapadas con capas de cal, porque se supuña que iso tiña un efecto antiséptico. O feito de estar protexidas polo cal axudou a que se conservasen ata hoxe.

Conferencias, concertos e unha visita guiada na 35 edición das Xornadas da Rota do Románico

O programa das Xornadas da Rota do Románico de Pantón, que chegan este ano á súa edición número 35, foi presentado polo alcalde José Luis Álvarez; a concelleira de Cultura, Cristina Domínguez, e a coordinadora destas actividades, Flora Enríquez. A continuación detállase o programa destas xornadas:

 14 de xuño. A programación comezará este venres cunha conferencia da arquitecta Isabel Aguirre sobre «O románico na paisaxe da Ribeira Sacra». Será ás 20.00 horas no salón de actos de casa consistorial.

 23 de xuño. A igrexa do convento das Bernardas de Ferreira acollerá a duodécima edición do ciclo de concertos Sinfonía no Mosteiro. O grupo de música medieval Lug'Antiga Ensemble actuará ás 19.00 horas.

 28 de xuño. A historiadora erta Varela falará sobre as pinturas murais das igrexas de Pantón na Casa de Cultura de Ferreira, a partir das 20.00 horas.

 5 de xullo. No mesmo lugar e co mesmo horario, a historiadora Saleta López Vázquez, natural de Sober, dará unha conferencia sobre «Os retablos barrocos nas igrexas románicas da Ribeira Sacra».

 7 de xullo. Ás 19.00 horas, o grupo de corda Asak Trío dará un concerto de música clásica no xardín do mosteiro de Ferreira.

  O programa comprenderá tamén unha visita guiada á igrexa da Santo André de Ribeiras de Miño cando terminen as obras de restauración do seu retablo barroco. A data estimada para esta actividade será entre finais de xullo e principios de agosto.