Rosa Cedrón: «Monforte é unha parte fundamental da miña vida»

Luis Conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Rosa Cedrón deu un dos concertos das festas de agosto de Monforte do 2019
Rosa Cedrón deu un dos concertos das festas de agosto de Monforte do 2019 ALBERTO LÓPEZ

A cantante, con raíces na cidade do Cabe, actúa este domingo no día inaugural das festas de agosto 2024

11 ago 2024 . Actualizado a las 21:25 h.

Rosa Cedrón é profeta na súa terra. A cantante con raíces en Monforte ofrece este domingo o primeiro concerto das festas patronais. Está encantada de voltar á que define como a súa casa.

—Que supón para vostede actuar de novo en Monforte?

—Moi leda. Cada vez que paso por aí é moi emocionante, e máis agora que me faltan os avós. Monforte é unha parte fundamental da miña vida. Gozo estando aí. E estou segura que maña imos pasalo ben nese magnífico marco que é a praza de España.

—Pódese dicir que vostede despois do pregón é a encargada de inaugurar as festas?

—Pois si. É unha honra para min. Eu son máis de emocións, de acariñar á xente, son agarimosa e doce. E cos tempos que corren, con tanto estrés e tanta crispación, o que trataremos é de ser un pouco de bálsamo para este momento.

—Con que repertorio deleitará ao público monfortino?

—Basicamente serán temas de «Nada que perder» e de «Nómade». Serán cancións das que se definen como as de toda a vida.

—E como foi esa relación de Rosa Cedrón coa música?

—Eu mamei música xa dende dentro do ventre da miña nai, que lle gustaba a guitarra e ao meu avó, que tocou na rondalla Benfeita e que lle gustaba a bandurria. Na miña casa había sempre música.

—Hai moita inspiración á hora de compoñer?

—Iso é algo que sucede cando estás tocando. O que me moveu dende sempre son as emocións, con referencia ao mar e a lúa. Tocar un instrumento é unha forma de meditar.

—Como define «Nómade»?

—«Nómade» é o máis emocional de todos os meus traballos. Aí, Miguel Artur deixou un pedazo da súa alma. Agora teño comigo a Juanjo Fernández, que é o novo pianista. E aí está tamén Javier. Teño que dicir que sempre fun moi afortunada cos músicos cos que traballei.

—Vostede é moi activa, así queda demostrado nos numerosos proxectos nos que traballa.

—Si, sempre ando cavilando, porque o corpo pídeme traballar. Dende que deixei Luar na Lubre participei en moitos proxectos. Colaborei no Galicia Clarinet Fest que se fixo en Lalín e que foi un éxito. Colaboro con moitos artistas. Eu non son moito de planificar, prefiro deixarme levar. A vida sempre me agasalla con cousas bonitas. Quédome e cito unhas verbas que lle oín a un artista, que dicía que «para min isto non é traballar, é tragozar».

—Que recordos ten de Monforte?

—Moitos. Lembro a casa dos meus avós, que estaba situada fronte ao bar Mario. Sempre que paso por aí gustaríame entrar de novo nesa casa. Aínda escoito o ruído das baldosas, ir ás festas patronais. Son emocións.

—Que mensaxe traslada aos lectores?

—Gustaríame que gozaran das festas de Monforte. E convídoos a que veñan ao concerto de mañá. Pasarémolo ben. Deséxolle boas festas a todos os monfortinos.