Osábado pasado asistín no Casino de Chantada á proxección Recordos asolagados, de David Vázquez e a súa equipa, adaptación da versión longa que cumpre os dez anos desde a súa estrea. A curta céntrase no impacto que tivo o encoro de Belesar (1963), asolagando lugares e truncando vidas, logrando transmitir a fonda pegada que supuxo para os veciños.
Nos anos 50 e principios dos 60 acometéronse unha morea de obras hidráulicas que encoraron os ríos Sil e Miño, representadas na Ribeira Sacra polos encoros de Santo Estevo e San Pedro, sobre o Sil, e os de Belesar e Os Peares, no Miño. Desde que pecharon as súas comportas os ríos deixaron de selo para pasar á categoría de augas encoradas que flutúan segundo veña o ano climatolóxico, a planificación das concesionarias e as funcións de cada un dos encoros.
Unha das consecuencias máis rechamantes foi o asolagamento de milleiros de hectáreas, entre terras de monte, viñedos, soutos, terras de labor e 38 lugares habitados que quedaron baixo das augas: 25 en Belesar, 11 nos Peares e 2 en Santo Estevo. Os seus habitantes expulsados dos seus fogares. Todo isto foi posible nun momento histórico moi determinado: politicamente baixo unha ditadura e co medo á represión da pasada guerra civil aínda recente. Cunha sociedade rural en pleno éxodo migratorio e economicamente baixo o programa do desenvolvemento.
Outra consecuencia foi a proliferación de tendidos eléctricos de alta tensión que hipotecan as terras e configuran un modelo exportador de enerxía que non reverte nun territorio que pagou un alto prezo por esta especialización. Pasaron mais de 60 anos desde a inauguración do derradeiro encoro da zona e hoxe temos unha sucesión de pantanos que semellan lagos interiores e por algún dos cales circulan todo tipo de embarcacións (agás as tradicionais) tentando sustentar outras actividades que axuden a deter a sangría demográfica e o envellecemento galopante.
Este ano oficializouse de novo a candidatura a patrimonio da humanidade para a Ribeira Sacra no 2026. Xusto neste contexto, aparecen de novo ameazantes proxectos e resolucións para a construción de máis parques eólicos na zona e as correspondentes liñas de evacuación de alta tensión que queren levar a verter a Belesar e San Pedro para seguir abastecendo grandes centros de consumo. Unha nova hipoteca que vai desvalorizar o noso territorio sen crear riqueza nin traballo e que semella xustamente o contrario do que se pretende coa candidatura.
Xa é moi vello o de «comungar e repicar». Se de verdade queremos optar con coherencia e seriedade a esa declaración, apostando a fondo pola candidatura a patrimonio da humanidade, a Ribeira Sacra non pode ser receptora de máis parques eólicos nin de máis liñas de alta tensión a menos que se busque o desleixo da paisaxe e o decrecemento da poboación envellecida.