Semella claro a estas alturas da vendima que a viticultura na Ribeira Sacra está en crise. Avecíñanse tempos difíciles para unha gran parte dos viticultores destas terras, cunha situación de incerteza que nunca tiveramos ata agora. Parece que podía evitarse hai uns anos, pero neste momento o que toca é tomar medidas urxentes para evitar danos maiores no futuro. O noso produto é único, proporciona unha riqueza paisaxística irrepetible. Mais esta singularidade só e posible coa dedicación e profesionalidade dos viticultores.
Posiblemente xa nada volva ser igual. A incerteza e a inestabilidade non son para nada desexables en todas as actividades comerciais. O que se aveciña, se non lle poñemos remedio, é unha crise de prezos producida pola baixada do consumo e un exceso de oferta. Hai quen controla produción e distribución, e quen soamente produce. Estase vendo que quen sae mais prexudicado da actual situación é este último. Se por riba é pequeno, máis aínda.
O consello regulador débese aos produtores grandes e pequenos. Deberíamos saber se antes da vendima se propuxo reducir rendementos. E tamén cantos dos seus membros deixaron de vender as uvas,
Por outra banda, as medidas da Xunta de Galicia para manter o territorio son soamente un parche, ademais moi fráxil, que non vai a solucionar o exceso de produción polo que os grandes seguirán servíndose dos pequenos produtores.
Agora non valen lamentacións e toca actuar. Fai falta unha boa e eficaz política de comercialización dos nosos viños, buscar verdadeiros nichos de mercado. Os tempos cambian e hai que evolucionar con eles. As festas e festivais do viño reúnen a moitas persoas do entorno que xa recoñecen as excelencias do produto e seguro que o van seguir gozando no futuro. Pero hoxe en día hai que complementar estes actos promocionais con outras estratexias máis acordes co momento que vivimos. Non debemos quedarnos so no ámbito local.
Urxe situar o viño da Ribeira Sacra noutros escenarios nacionais e internacionais. Competir de maneira sobresaínte con outras zonas vitícolas realizando investimentos rendibles e intelixentes para chegar a potenciais mercados. Mostrar o valor incalculable do noso produto, das súas paisaxes, tradicións e experiencias
Temos un consello regulador que pode e debe regular a produción, xa que é un dos seus cometidos controlar a cantidade de quilos por hectárea e as novas plantacións.
A solución máis viable para defender aos pequenos viticultores e manter o territorio é a creación dunha cooperativa onde poidan polo menos meter as súas uvas. Xa falaremos despois da venda do viño. Esta cooperativa, para ser eficaz, debe ter o seu peso específico e poder almacenar polo menos dous millóns de quilos de uva, xa que so así poderá entrar a negociar cas grandes áreas de distribución.
Tamén sería interesante orientar a produción sen esquecer un mercado máis próximo e menos elitista. A nosa gastronomía máis típica —polbo á feira, cocido, empanada— e as celebracións vinculadas a ela piden uns viños máis frescos, con menos graduación e prezos máis accesibles.
Se queremos salvar a paisaxe, o territorio, e ter un futuro menos incerto, é moi importante a agrupación dos pequenos viticultores da Ribeira Sacra.