O presidente destaca a ilusión que xenera o novo proxecto na masa social
22 ene 2025 . Actualizado a las 17:21 h.Antonio López xa exerce como presidente do Lemos. O sábado foi elixido como máximo mandatario e tomou as súas primeiras decisións. Foron o cese de Juanlu Bernal e o nomeamento de Edu Rodríguez como adestrador. O novo presidente, de 59 anos, encara esta etapa con ilusión.
—Que lectura fai do apoio que recibiu da asemblea?
—Estou moi agradecido e ledo por ese respaldo unánime que me deron os socios. E teño que dicir que é un orgullo e ao mesmo tempo unha responsabilidade presidir un club histórico como é o Lemos. Estes días dá gusto ver como está traballando toda a directiva e os técnicos.
—Vostede tivo claro que o Lemos non pode estar sen director deportivo, verdade?
—Así é. Un club da entidade do Lemos ten que ter un director deportivo, que é o que ten que buscar, falar e fichar futbolistas. O presidente e o resto da directiva estamos para xestionar recursos. Temos a sorte de contar con Óscar Moure nese posto, que está facendo un traballo inconmensurable.
—Nótase a ilusión na masa social do Lemos?
—Si. E como exemplo teño que dicir que esta mañá [por onte] atopeime con socios que me felicitaron pola fichaxe de Adri Díaz. E de feito, algúns xa se fixeron socios estes días e outros daranse de alta de cara a vindeira tempada. Todos están pendentes do que facemos. Hai ilusión.
—Había necesidade de contar cun futbolista como Adri para ilusionar á afección.
—Era prioritario. A fichaxe de Adri Díaz é estratéxica. Estamos falando dun futbolista con moito talento, que marca as diferenzas e que é de Monforte. Esa é a nosa liña de actuación, contar cos xogadores de calidade da cidade e da comarca.
—Por que elixiron a Edu como adestrador?
—É un técnico preparado, con experiencia, que coñece o Lemos. E é de Monforte. Axústase ao proxecto que deseñamos con Óscar Moure. Na anterior etapa fixo un gran traballo.
—Cal é o obxectivo do que resta de tempada?
—O principal obxectivo é a permanencia na Preferente. E entendo que coa chegada de Adri e de Armesto, á que se pode engadir outra, temos un plantel xeitoso para conseguir con solvencia este obxectivo.
—E logo xa tocará pensar na vindeira, que polo que dixo na asemblea, presentarase ilusionante, non si?
—Como xa comentei, queremos dar un paso adiante. E si, a principios de maio comezaremos coa planificación da próxima. Queremos darlle un estímulo ao socio. O que pretendemos é que o equipo non siga na dinámica destas últimas tempadas, nas que sempre estivo competindo por non descender. O que queremos é confeccionar unha plantilla que estea loitando na zona nobre da clasificación e que poida aspirar a xogar a fase de ascenso á Terceira.
—Imaxínase que o Lemos ascende con vostede de presidente, porque non hai que esquecer que hai 20 anos tamén deu o salto á Terceira con vostede coma delegado.
—Son palabras maiores. Imos despazo.
—Ten músculo económico o Lemos para rematar ben a tempada?
—Necesitamos algo máis de recursos para completar a tempada. Pero conseguirémolo, porque o que non queremos é rematar empeñados.
—O que está claro é que será máis ambicioso.
—Si. Queremos aumentar o número de socios, e coido que o lograremos se confeccionamos un proxecto ilusionante. Potenciaremos máis a nosa relación coas empresas no tema publicitario, explotaremos máis o tema das redes sociais, e queremos pasar publicidade polo marcador electrónico do campo da Pinguela. Tampouco nos esqueceremos do merchandising. E a mediados de marzo faremos unha cea para socios e público en xeral.
—Será este Lemos presidencialista?
—Para nada. Eu non quero un Lemos presidencialista. Esta directiva é un equipo e as decisións que se tomen serán colexiadas. Porque este club é de todos.
—Que mensaxe traslada á afección?
—Que veñan ao campo apoiar ao equipo. Nós seguiremos traballando para facer un proxecto ambicioso.