Catro estudantes de Monforte gañan un torneo de negocios

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Alumnos do IES Río Cabe impuxéronse na final a outros catro equipos

27 mar 2025 . Actualizado a las 05:05 h.

Un equipo formado por estudantes do instituto Río Cabe, de Monforte, impúxose no torneo de negocios para xente nova denominado Young Business Talents, que se disputou hai uns días en Madrid. Neste certame empresarial, organizado por Abanca, ESIC University, Herbalife y Praxis MMT participaron este ano 11.466 persoas, estudantes preuniversitarios de 412 centros educativos de toda España. Os catro estudantes de Monforte que competían xuntos no equipo do IES Río Cabe gañaron unha das finais.

Nesa final impuxéronse a outros catro equipos de centros educativos das provincias de A Coruña, Madrid, Barcelona e Sevilla. Os catro integrantes do equipo monfortino son Carolina Costa Daga, Mara López Rodríguez, Pablo Rodríguez López e Candela Sánchez Touzón. E estiveron acompañadas por Emilio López Mariño, profesor de Economía no instituto Río Cabe.

O concurso valora a capacidade dos estudantes para tomar decisións estratéxicas en ámbitos como o marketing, a produción ou as finanzas, e téñeno que facer dentro dun entorno dixital que replica a realidade das empresas.

O concurso comezou o pasado mes de novembro e os 11.466 participantes iniciais fóronse sometendo a diferentes probas eliminatorias que se disputaron a través de internet, no que os organizadores denominan una experiencia de laboratorio sen riscos. Esta parte do certame coincide cunha parte das materias educativas relacionadas coa empresa e a economía que os estudantes de Secundaria teñen que abordar nas súas clases e está ideada para axudalos a complementar a formación teórica desde unha perspectiva lúdica e motivadora.

No instituto Río Cabe explican que nas sucesivas fases eliminatorias, os equipos participantes tiveron ocasión de coñecer desde dentro como funciona unha empresa real e afrontaron o reto de xestionar múltiples aspectos da súa empresa virtual, como a decisión do número de unidades a producir, os prezos de venda, a publicidade realizada, a contratación de traballadores, a solicitude de préstamos, os investimentos financeiros ou as exportacións. Nestas fases gañaba o equipo que acadaba o maior beneficio económico ao longo do tempo.

A fase final, a de Madrid, estaba estruturada en vinte enfrontamentos nos que se enfrontaban cinco equipos en cada un deles. O equipo do IES Río Cabe e os outros 19 gañadores repartíronse máis de 10.000 euros en premios e diplomas acreditativos.