
A edición número 32 do festexo gastronómico celebrarase entre o 2 e 4 de maio
26 abr 2025 . Actualizado a las 11:02 h.Na edición número 32 da Feira do Viño de Vilachá —na Pobra do Brollón—, participarán en total doce adegas. Seis delas farano en réxime de furanchos, que nas anteriores edicións denominouse como «colleiteiros». Por un lado, na feira tomarán parte as adegas Adega Vella, Bico de Lagar, Casa do Curuxo, Sernande e Tolo do Xisto. As que participarán como furanchos son Fidalgo, José Rodríguez López, Morales, O Currio, Os Conventos e Outeiro, ademais de Carlos Vázquez Díaz. Na feira tamén participarán como convidada a adega Antonio Portela de Viños do Mar, da comarca pontevedresa do Morrazo. Coa excepción desta última adega, segundo precisan desde o Concello, todos os participantes teñen viñas en Vilachá, «unha ribeira única na Ribeira Sacra que aínda conserva un sistema produtivo bastante tradicional».
Os actos programados para estas xornadas —que se celebrarán entre o 2 e o 4 de maio— comezarán o venres cun «pasadegas musical» a cargo do músico e sumiller Juanjo Figueroa. Ao día seguinte, Figueroa e Cristina Alcalá guiarán unha cata de viños de barrica que comezará ás 13.00 horas. Para participar preciso facer unha reserva previa por wasap no número 650 624 828 e abonar 15 euros.
O domingo, ás 19.00 horas, haberá unha cata concurso dos viños de furancho. Por outro lado, os asistentes á feira poderán participar no sorteo dunha noite con circuíto termal para dúas persoas no hotel Iberik Augas Santas de Pantón). Para participar hai que recoller unha tarxeta no punto de información e cubrila cos selos de ao menos seis adegas.