Juan Rodríguez, adestrador: «O Racing Vilalbés era o lugar ideal para debutar na Terceira Federación»

Luis Conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

O técnico chantadino afronta o reto con entusiasmo e con ambición

10 oct 2025 . Actualizado a las 17:43 h.

Juan Rodríguez debuta esta tempada como adestrador na Terceira Federación e faino a fronte do Racing Vilalbés. O técnico chantadino afronta o reto nun momento no que a entidade chairega trocou o proxecto. Marcharon oito futbolistas e só chegaron dous. O plantel completouse con novas promesas da canteira. Rodríguez está contento co equipo que ten e co arranque de campionato. Son dous triunfos e outros tantos empates.

—Sorprendeuse cando o chamaron para adestrar ao primeiro equipo do Racing Vilalbés?

—Levei unha gran alegría. Hai que ter en conta que xa son 19 anos neste mundo e é a primeira vez que teño a oportunidade de adestrar nesta categoría. Estou moi satisfeito pola oportunidade que me deron. Son seis tempadas no club. Coñezo a súa idiosincrasia, e considero que é o lugar ideal para dar o salto.

—Vostede xa coñecía ao primeiro equipo, porque estivo dúas tempadas como segundo adestrador de Simón Lamas?

—Así é. Estiven con Simón na Terceira e na Segunda Federación. E iso tamén é unha vantaxe, porque aprendín moito.

—E chega en pleno cambio de modelo, é dicir, un perfil máis baixo no tocante aos obxectivos, non si?

—Fóronse oito futbolistas, chegaron dous e incorporamos moitos xogadores da canteira. É un modelo diferente, pero o meu traballo e o do resto do corpo técnico é potenciar ao máximo o que temos. O club marcou o obxectivo da permanencia, e a nosa función é traballar día a día para ser mellores cada semana, e despois xa será a competición a que nos situará onde teremos que estar. Non vou dicir que o obxectivo é loitar polo ascenso, porque sería ser presuntuoso, e non direi que o faremos pola permanencia, porque sería un discurso victimista. O obxectivo é sacar o máximo dun equipo que para min é o mellor.

—Está satisfeito coa posta en escena na competición?

—A verdade é que si estou satisfeito coa nosa posta en escena. O noso inicio está sendo moi positivo. Iso si, queda moito camiño por percorrer, pero imos na dirección correcta.

—E cal é o sinal de identidade deste Racing Vilalbés de Juan Rodríguez?

—Houbo importantes cambios no plantel, e o que buscamos e ter unha identidade propia. O que pretendemos dende o corpo técnico é ser un equipo moi sólido e ordenado defensivamente, e a partir de aí medrar. Co paso das semanas imos dando pasiños e medrando. O noso obxectivo é que a nosa xente vexa un Racing Vilalbés competitivo.

—Nesa aposta pola canteira vostede ten a vantaxe de que practicamente coñece a todas as novas promesas.

—Apostar pola canteira non o facemos só por necesidade, senón tamén por convicción. E aí está a clave para conseguir os nosos obxectivos. Nestas primeiras xornadas xa se afianzaron no primeiro equipo Edu e Gegun. O primeiro é sénior de segundo ano e Gegun é de primeiro. Tamén debutou Gael, que está en dinámica de primeiro equipo. Insisto, a aposta pola canteira facémola por convicción, porque o Racing Vilalbés ten unhas categorías inferiores con futbolistas con moito talento.

—É verdade que xa son cinco as xornadas que se levan disputadas de competición, pero a ninguén se lle escapa que dados os importantes cambios no equipo, aínda están en proceso de adaptación, non si?

—No fútbol de hoxe en día o tempo non existe. O que pretendemos dende que nos fixemos cargo do equipo foi acurtar eses procesos de adaptación, porque hai que conseguir bos resultados dende o primeiro día. E non se nos pode escapar que gañando afianzas rápido a idea e ensamblas o equipo enseguida. Pero como xa dixen, a nosa prioridade é traballar, traballar e traballar para ser cada día mellores.

—Como está vendo esta Terceira Federación?

—A Terceira Federación subiu de nivel con respecto as últimas tempadas. Todos os equipos que ascenderon da Preferente chegaron con moito potencial. Para competir pola zona nobre da categoría nomeo a Compostela, Arousa, Alondras e Estradense. A partir de aí, o nivel do resto de equipos da Terceira é parello. Hai moita igualdade.

—É doado traballar no Racing Vilalbés?

—É un privilexio, porque aquí déixante traballar e sentes o respaldo do club sempre.

—E o entorno?

—Aquí non hai un entorno nocivo. A xente valora o traballo e premia moito ao futbolista da casa. Os seareiros son conscientes do cambio de proxecto, e vemos que están aí apoiando continuamente. Nós queremos que sexan o futbolista número 12 que axude a estabilizar ese cambio.

—E esta tarde (17:00 horas) na Magdalena, Racing Vilalbés-Arousa. Como se presenta o partido?

—Difícil, porque o Arousa é un equipazo, que está moi ben traballado. É unha gozada velos ofensivamente. Pero nós temos que maximizar as nosas virtudes e esconder os defectos para conseguir os tres puntos. O público verá un Racing Vilalbés moi competitivo que se entregará por lograr a vitoria.