Roberto Eireos, hostaleiro: «O que máis odio é poñer música, non entendo o reguetón»

Carlos Cortés
CArlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Roberto Eireos na terraza do Awa, o seu local actual, que acaba de cumprir dez anos
Roberto Eireos na terraza do Awa, o seu local actual, que acaba de cumprir dez anos CARLOS CORTÉS

O propietario do local de moda en Monforte leva 35 años neste negocio

11 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Roberto Eireos celebrou hai pouco o décimo aniversario do Awa, desde aquela o local nocturno de máis éxito en Monforte. De 48 anos, pertence á xeración de monfortinos que se fixo adulta de pub en pub na rúa Duquesa de Alba. El máis que a maioría, porque vivía alí e porque alí tiñan seus país o bar Pra, un dos que axudou a facer que practicamente todo o ocio nocturno de Monforte fervese alí durante as dúas últimas décadas do século XX e os primeiros anos do XXI.

—Os seus pais xa tiñan un bar. A vostede púidolle dar perfectamente por escapar daquel ambiente, pero non.

—Non escapei, non. Ao revés. Recórdome con 13 anos estudando o primeiro curso de Administración no instituto da Pinguela e deixando as clases para axudar no bar. Era o que me gustaba e recordo que en canto podía escapaba traballar ao bar. Sempre dixen que ía acabar na hostalería. E xa levo 35 años nela.

—Que estudaba na Pinguela?

—Administrativo, que non me gustaba. Non me vía nunha oficina. No segundo curso ao chegar ás once da mediodía collía a moto e marchaba a traballar, todos os días. A miña nai dicíalle que non viñera a profesora. Ata que un día se enterou da verdade e foi cando lle dixen que non quería seguir estudando, que o que me gustaba era traballar no bar. E xa no volvín ao instituto, non fun nin sequera para recoller a miña mochila. Supoño que seguirá alí.

—Así que cando o seu pai se retirou vostede decidiu seguir.

—Si, e o local foi cambiando de bar a un negocio tipo pub. A primeiras veces poñía música con dúas cintas e unha minicadea, unha odisea. Recordo pechar ás tres da mañá e ás cinco volver abrir para poñer sopas de allo, churros e todo iso. Primeiro traballamos meu irmán e máis eu e despois el deixouno. E ata hoxe.

— A hostalería de día é moi distinta na nocturna?

—Moi diferente. Hai que ter coidado con certas cousas que che poden levar a perder a cabeza. É difícil non caer en vicios, non pensar que o que hai na caixa é todo teu. Eu tiven sorte e non me pasou.

—Descarta volver abrir o Pra?

—Si, completamente. Os tempos cambiaron e a hostalería nocturna xa non é o que era. A xente non busca o que buscabamos cando nós tiñamos 18 ou 19 anos. Antes valíanos un garaxe con catro altavoces e algún adorno. Agora a xente busca espazos distintos. É algo que está pasando en todas partes. O que abren son locais con terraza.

—En tempos, en Monforte todo o ocio nocturno estaba na rúa Duquesa de Alba.

—Cando hai dez anos montamos o Awa xa vías que a xente non chegaba a Duquesa ás doce, como antes. As primeiras copas xa as tomaban nas terrazas e a Duquesa chegaban á unha e media ou dúas. Vías que a xente tendía a quedar máis cara o centro. Era cuestion de ir preparando algo nalgún outro sitio. Iso foi o que fixemos e afortunadamente saiu ben.

—E non deixaba de ser arriscado, porque no centro vive moita xente e está o problema dos ruídos.

—Non tivemos ningunha queixa. Hai que ter coidado, respectar ao máximo, ter as portas pechadas... Se facemos concertos ás once da noite están acabados. Pensar que hai alguén que non dorme pola miña culpa moléstame moito.

—Para lidiar cunha clientela entre a que hai xente bebida que carácter hai que ter?

— Hai que ter sobre todo moita paciencia. E iso depende tamén do ambiente que ti crees dentro. Se baixas a luces moito e sobes moito o volume a xente vai estar máis agresiva. Se mides máis o volume a a xente en xeral compórtase.

—A idade media da xente que sae de noite hoxe é máis alta.

—Antes era todo máis sectario, cada idade nun sitio diferente. Agora no Awa poden coincidir un chaval de 18 anos e o seu avó tomando unha copa. Non é o normal, pero sucede.

—Iso é o que busca, ou enfócase en conseguir clientela dalgunha idade determinada?

—Que veña todo o mundo. O problema é elixir a música. E é o que máis odio agora, ter que poñer música.

—Ah, si?

—Todo o mundo se queixa. Pensan que a min me gusta o que estou poñendo? Antes encantábame, pero de hai cinco anos para aquí odio poñer música.

—Gústalle o reguetón?

—Odio o reguetón. É unha musica que non entendo.

—Vese moito tempo máis como hostaleiro nocturno?

—Non. Espero que me quede pouco, xa me vexo canso.

—A cabeza ou o corpo?

—Penso que máis a cabeza que o corpo. Eu quero seguir na hostelería, que é o que fixen sempre e non creo que vaia cambiar agora. Morrerei na hostalería, pero ese ambiente da noite hai momentos nos que se fai pesado. Eu sería feliz nun local de acabar a noite relaxado, con música e sentados. Claro que igual on non facturaría nin a metade. Pero si, apetéceme máis ese ambiente. Non volvín pisar Duquesa desde que pechei o Pra. Que pinto eu aí?

—Como augura que vai ir cambiando a noite en Monforte?

—En Duquesa cometeuse no seu momento o erro de non facela peonil ou semipeonil. Con terrazas podíase ter montado unha boa zona. O que hai agora non é o futuro. A tendencia é o terraceo. A xente nova de agora ten que diversificar os gastos. Antes o que tiñamos para gastar gastabámolo en saír porque non había outra cousa. Hoxe si que hai. A xente de 30 para arriba non ten nada que ver coa de 18. E esa xente maior vai seguir saíndo e todo se vai enfocar máis na copa de primeira hora, e ás tres da maña para a casa.