Luis González, futbolista do Club Lemos: «O mellor colofón a miña carreira sería ascender co Lemos á Terceira»

LUIS CONDE MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

A piques de cumprir 35 anos, o xogador é un referente do equipo de Edu

12 dic 2025 . Actualizado a las 18:36 h.

O Lemos pode presumir de contar cunha das mellores medulares da Preferente. Un dos futbolistas que a conforman é Luis González, que a piques de cumprir os 35 anos, é un dos referentes do conxunto de Edu Rodríguez. Admite que ten a mesma ilusión que cando comezou e asegura que o seu soño sería ascender co Lemos á Terceira Federación.

—Cumpre a súa segunda tempada no Lemos e, salvo en tres partidos, titular indiscutible. Máis non se pode pedir, non si?

—Así é. Teño a mesma ilusión que cando comecei e a dun rapaz de 20 anos. Cando inicio as tempadas sempre o fago con enerxía e con ilusión, porque afronto co equipo novos proxectos e máis ambiciosos, como é neste caso co Lemos. Quero gozar ao máximo estes últimos anos en activo que me quedan.

—Imaxina vostede poñer o colofón a súa carreira co ascenso á terceira Federación?

—Sería o máximo. Este equipo está confeccionado para disputar a promoción e para competir polo ascenso. Témolo claro dende que comezou a pretempada.

—Qué supón para vostede xogar no Lemos.

—Un privilexio e un orgullo. Cheguei con 33 anos ao Lemos, pero xa me gustaría ter chegado antes, porque é un club que ten unha dimensión social e institucional espectacular. Falo moitas veces con xente de Ourense e de Cambeo [é o seu pobo] do que é esta entidade histórica, cunhas instalacións a nivel de calquera club de Primeira Federación. O Lemos é único. Todo un privilexio adestrar no Luis Bodegas, xogar na Pinguela e contar cun profesional como Juan Rodríguez, que ten todo o material e a roupa a punto.

—Son quintos na clasificación. Que lectura extrae da tempada?

—Moi positiva. Si que é certo que moitos dos empates que colleitamos merecían ser vitorias. De feito, algúns deses partidos rematámolos con mal sabor de boca. Pero o importante é estar na zona de promoción de ascenso, e aí estamos. De verdade, moito mérito, e máis coas lesións que temos, que nos penalizan moito.

—Cal é o selo de identidade deste Lemos?

—Somos un equipo que xoga ben ao fútbol e que sae en cada partido polos tres puntos.

—Onde estará a clave para garantir a loita polo ascenso?

—No día a día. Somos unha plantilla moi comprometida, e o importante será sumar de tres en tres puntos. Unha das claves será converter o campo da Pinguela nun fortín.

—Que achega Edu ao Lemos?

—Traballo e profesionalidade. Sorpréndete pola variedade nos adestramentos e polas ideas. Son sesións dun equipo profesional.

—E vostede segue destapando o tarro das esencias.

—[Sorrí] Podía ter algún aniño menos para render algo máis. As pernas non son as dun xogador de 25 anos, pero síntome fresco. Mentalmente tamén estou moi ilusionado e con ambición.

—E aí está Theo, o seu fillo. Que supuxo ser pai?

—Unha das cousas máis bonitas que a un lle pode pasar. Achegoume estabilidade e tranquilidade no ámbito persoal e futbolístico.

—Imaxínao xogando ao fútbol?

—Oxalá!. Ten 15 meses e xa lle empeza a pegar ben. Por balóns non vai ser.

—E o domingo, o Cented?

—Un rival difícil, que se reforzou ben.

—Que mensaxe envía aos afeccionados lemistas?

—Que nos sigan apoiando como o veñen facendo.