O último pleno municipal de Monforte foi revelador do carácter, a concepción do poder e a falta de límites dun alcalde que, lonxe de asumir a gravidade das acusacións que pesan sobre el por presunto acoso sexual, decidiu reafirmarse no peor dos papeis: o da soberbia, o machismo e a impunidade.
Debatéronse mocións pedindo a súa dimisión. Nunha delas, tamén a dimisión da concelleira de Igualdade, Margarita López. Ao remate do pleno o señor Tomé, o señor presunto alcalde, colleu a palabra e optou polo ataque persoal, a descualificación e o insulto. Nun intento burdo de «protexer» á concelleira de Igualdade, decidiu rebentar contra o concelleiro de Esperta Monforte afirmando que «non lle chegaba á sola dos zapatos».
Isto non é unha saída de ton puntual. Isto é unha maneira de exercer o poder. A do macho alfa que insulta, que despreza, que intenta humillar ao adversario para reafirmarse, como quen bate no peito porque non ten argumentos nin autoridade moral.
No persoal e no político sinto aprecio pola concelleira Margarita López. Precisamente por iso resulta aínda máis doloroso vela sostendo politicamente a quen a utiliza como escudo. Porque non necesita que ninguén a defenda, e moito menos un alcalde que confunde a defensa coa descualificación machista.
Ela ten nivel político, formación e capacidade dabondo para responder sen caer no barro. O señor Tomé non. Nin é consciente de que mesmo cando intenta defender a unha compañeira cae en comportamentos machistas. Non entende o problema porque forma parte del.
Non estamos ante un erro puntual, senón ante unha forma de entender as relacións de poder, na que insultar é normal, desprezar é normal e minimizar o machismo é normal.
Monforte non pode permitirse un rexedor que utiliza o pleno como o seu patio particular, que responde ás críticas con insultos e que, estando baixo sospeita por feitos gravísimos, actúa coma se nada fose con el. A presunción de inocencia é un dereito xurídico. A dignidade institucional é unha obriga política.
Noutros tempos, Monforte estaba á vangarda cultural, política e social de Galicia e do Estado español. Hoxe, e cada día que este alcalde se manteña no seu sillón, o nome de Monforte seguirá manchado fronte aos ollos da opinión pública e da historia.