O certame desenvolverase desde hoxe ata o día 10 en seis establecementos do municipio
02 dic 2021 . Actualizado a las 20:09 h.A Pobra do Brollón recupera o seu concurso anual de tapas, despois do paréntese obrigado no 2020 a causa da pandemia. O certame comezará hoxe e prolongarase ata o próximo día 10. Nesta duodécima edición, o Concurso de Tapas da Pobra do Brollón conta con seis establecementos participantes. Son tres bares da capitalidade municipal (Bar Avenida, A Vella Taberna e Primeiro de Maio), dous en Salcedo (A Cantina de Julia e A Salanova) e máis O Fogón en Cereixa. A novidade deste ano é a incorporación dun comité formado por tres profesionais da restauración: os cociñeiros Martín Mantilla e Diego Martínez e o hostaleiro Suso Pereiro. A súa función será garantir que as tapas a concurso cumpren uns criterios mínimos de calidade, e para iso farán una cata previa en cada un dos bares. Desde hoxe ata o día 10, os establecementos ofrecerán a tapa do concurso a un prezo de 1,50 euros. Os clientes formarán o xurado popular e das súas votacións sairán os gañadores dos tres premios do concurso. Entre os que voten sortearase un circuíto termal e unha noite para dúas persoas no Hotel Iberik Augas Santas, de Pantón.