
O Concello da Pobra do Brollón organizará actividades festivas nestas localidades o venres e o sábado
25 abr 2024 . Actualizado a las 18:10 h.A parroquia de Eixón, no municipio da Pobra do Brollón, acollerá este venres unha «foliada guímara» dentro do programa de actividades culturais e recreativas do Concello. A partir das 20.00 horas haberá actuacións musicais no local social da parroquia a cargo do grupo Grolo, un dúo de saxofón e guitarra. A comisión de festas de Eixón, así mesmo, ofrecerá un «caldo comunitario» aos asistentes que se animen a levar unha cunca e unha culler. O Concello, por outro lado, anima aos asistentes a levar libros de segunda man para intercambiar e instalará unha caixa na que se recollerán suxestións para realizar adquisicións para a biblioteca municipal.
O sábado tamén haberá unha xornada festiva dentro deste mesmo programa na parroquia de Vilachá de Salvadur. O escenario será o furancho O Currio, na aldea de Trasmonte. A partir das 12.00 horas haberá unha alborada e pola tarde, ás 16.30, comezará un campeonato de tute. A partir das 20.00 horas haberá animación musical a cargo do dúo Millenial.
Por outro lado, o domingo ofrecerase na Casa de Cultura —a partir das 19.00 horas— a representación da obra Boa sorte, mala fama, da compañía teatral Tarabela Creativa. A entrada será libre ata completar o aforo. O espectáculo conta cunha axuda da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación.