A Pobra do Brollón e Salcedo prepáranse para vivir un Entroido cheo de música, disfraces e tradición este 2025
A POBRA DO BROLLÓN

O desfile deste sábado será o principal atractivo do Carnaval na capitalidade municipal
24 feb 2025 . Actualizado a las 19:44 h.O Concello da Pobra do Brollón xa ten lista a programación do Entroido 2025, que chegará ao seu punto máis intenso o sábado 1 de marzo co desfile de comparsas, carrozas e disfraces que percorrerán as rúas da capitalidade municipal. A charanga Terras do Bibei será a encargada de animar o desfile, que comezará ás 17:00 horas no cruce da estrada de Saa e finalizará na área recreativa de Samugueiros. Tamén avanza a organización da festa do Oso de Salcedo, o carnaval tradicional que se celebra nesta parroquia da Pobra, e que de novo incluiría as dúas sesións nocturnas habituais de teatro popular e a saída do oso o Luns de Entroido.
En canto ao desfile da Pobra, o o Concello convoca como é habitual un concurso para premiar os mellores disfraces, carrozas e comparsas. O xurado valorará aspectos como a montaxe, a elaboración, a orixinalidade, o humor e os materiais utilizados.
Os premios entregaranse ao remate do desfile na área recreativa. Para participar, é necesario inscribirse antes do 28 de febreiro na Biblioteca municipal, en horario de 10:30 a 13:30 horas, de forma presencial ou a través do teléfono 982 430 546. As bases do concurso están dispoñibles na páxina web do Concello (www.concellodapobradobrollon.gal).
Antes do desfile principal, esta semana celebrarase o Xoves de Comadres, unha tradición que inclúe un concurso para premiar as mellores figuras nas categorías individuais e colectivas. A queima das figuras terá lugar a partir das 18:30 horas na Praza da Peza, acompañada dunha chocolatada popular e a actuación da Escola de Música Samoeiro. O prazo de inscrición para este concurso remata este mércores, 26 de febreiro, e debe realizarse na Biblioteca municipal. Os premios de comadres e compadres entregaranse ao remate do desfile de Entroido.
Entroido en Salcedo
A parroquia de Salcedo xa presentou o seu cartel de Entroido, cunha programación que comeza o sábado 1 de marzo cunha función de teatro popular ás 22:00 horas. A partir da medianoite, o grupo 7rojo ofrecerá un concerto, seguido dunha sesión de DJ.
O domingo 2 de marzo, a festa continuará ás 16:30 horas coa actuación de Aikirindo e ás 17:00 horas co pregón a cargo de Juan Fuentes, presentador do programa da TVG "Quen anda aí?". A continuación, sairán as Madamas e Danzantes e os Disfraces de Campo. Ás 22:00 horas, haberá nova función de teatro popular e, a partir das 00:15 horas, verbena co Dúo Triada e a Orquestra Triunfo, con DJ ao remate.
O luns 3 de marzo, ás 17:00 horas será a saída do Oso. Esa tarde e noite actuarán a charanga Terras do Bibei, a Mekanica Rolling Band e a Duendeneta. Ás 21:00 horas, celebrarase unha cea popular con food truck e, á medianoite, verbena coa orquestra La Ocaband.
O martes 4 de marzo, último día de festas, ás 17:30 horas, haberá un espectáculo de maxia a cargo de Trécola Producións e, á noite, ofrecerase unha cea popular a base de paella, seguida de baile coa orquestra Metrópolis.