Bóveda despide a actividade itinerante sobre distribución igualitaria do traballo no fogar
BÓVEDA

«Familias Corresponsables. Coidado Compartido» foi dirixida pola educadora social Paula Santos
23 sep 2025 . Actualizado a las 12:00 h.O Concello de Bóveda clausurou este sábado a actividade «Familias Corresponsables. Coidado Compartido», unha iniciativa que percorreu as parroquias do municipio co obxectivo de promover unha distribución máis igualitaria das tarefas domésticas e de coidado no fogar. A última das tres sesións celebrouse na Casa Escola da Raíña, despois de ter pasado por Guntín e Rubián.
A proposta, desenvolvida baixo a guía da educadora social Paula Santos, partiu da premisa de que «coidar non é só axudar, senón implicarse». As sesións foron de carácter práctico e participativo, contando coa presenza de persoas adultas, nenos, nenas e adolescentes. O obxectivo central foi crear un espazo de diálogo para reflexionar sobre os roles de xénero aprendidos e analizar de que forma os homes poden estar máis presentes nas labores de coidado diarias.
A través de dinámicas como «Quen coida aquí? Isto tamén vai contigo», buscouse que cada participante recoñcese como parte activa da responsabilidade diaria do fogar, contribuíndo así ao benestar común. A actividade pretendía non só abrir a conversa, senón tamén romper hábitos arraigados para avanzar na construción dunha igualdade real desde o ámbito privado.
Esta iniciativa estivo cofinanciada polo Plan Corresponsables, do Ministerio de Igualdade do Goberno de España, e pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, reflectindo un esforzo institucional compartido para impulsar a corresponsabilidade nas familias galegas.