Un verán de tradicións: da malla de Rubián ás carrilanas de Folgoso

FOLGOSO DO COUREL







O Courel dálle esta fin de semana o relevo a Bóveda coa Festa da Cultura
17 jul 2025 . Actualizado a las 10:28 h.A recuperación festiva de tradicións que se foron perdendo colle forza na Ribeira Sacra e na Serra do Courel. Se o municipio de Bóveda despedía este luns cunha malla, o de Folgoso do Courel tómalle o relevo esta fin de semana coa súa baixada de carrilanas.
A malla foi a última convocatoria da Feira de Outrora, o certame que desde hai 21 anos revive na localidade de Rubián as feiras como se celebraban ata mediados do século XX. A principal novidade deste ano foi a incorporación ao programa das actividades gastronómicas promovidas por la Consellería de Medio Rural co lema de «Experiencias de Calidade».
Pero unha das actividades máis agardadas foi a malla coa que rematou a xornada. O futuro desta recreación de traballos agrarios tradicionais parece garantido, porque este ano sumáronse un bo número de rapaces novos.
Na festa que se prepara para esta fin de semana en Folgoso do Courel non haberá malla, pero si xogos tradicionais e unha baixada de carrilanas. É unha nova edición da Festa da Cultura e da Tradición, que se celebrará este sábado.
A baixada de carrilanas comezará ás doce e media da mañá, con saída desde o antigo colexio e chegada na praza do Fondo da Vila.
Ás dúas da tarde abrirá no souto da Carroza unha feira de artesanía que inclúe unha exposición de xogos tradicionais. Haberá un posto de comidas con polbo e churrasco.
Xa pola tarde, ás tres está prevista unha actuación do grupo merenzao e ás catro comezará o campionato de xogos tradicionais. Entre as probas que se poderán ver figuran a de arrebolamento de sacho, o lanzamento de boina ou o corte con tronzón. A festa rematará ás oito da tarde cun concerto do cantautor Emilio Rúa.