Hai un ano xusto, horas antes de que unha millonada do sorteo de Reis caese en Monforte (a ver que pasa hoxe pola bisbarra: os estatísticos din que é case imposible que volva a tocar), o temporal arrasaba o entorno do santuario da Virxe da Barca. Conste que estatisticamente tamén se podía pensar o mesmo: dúas semanas antes xa ardera o tellado e máis o interior, así que, ¿que máis podía ocorrer? Nada, nada, era imposible.
O imposible foi que esmagou aínda máis o templo, tirou co petril da fronte e tronzou de novo a Pedra de Abalar. Os ferros e a resina xa bastante aguantaran. Aínda arrepía ver os vídeos e as fotos da auga chegando ata a porta do santuario e dando a volta por detrás do altar maior. A forza do mar non se coñece ata que se ve, polo menos é o que pensamos os que non somos de mar máis que para ver os solpores.
Este domingo, aproveitando que houbo un bastante xeitosiño (era previsible horas antes pola claridade do ceo) centos de persoas achegáronse ata Muxía para dar unha volta polas Pedras e pola beira do templo. Non é nada estraño: lembro iso dende sempre, domingo tras domingo. É un gran lugar para dar unha volta, pero ademais son moitos os que van por ofreza ou por ver un dos iconos marianos galegos. O caso é que desta vez, aproveitando o aniversario, moitos querían saber como estaba por dentro. E non había maneira. É certo que queda aínda bastante por facer. Ducias de detalles: un deles, pequeno, vestir os santos. Outro ben grande, un altar maior á altura do que había, ademais de temas de intendencia. Pero sabendo ou non todo iso, a xente marchaba decepcionada. Tampouco antes era para botar foguetes, porque a porta estaba habitualmente pechada, pero polo menos tiñamos aquel buratiño que permitía ollar o interior, subindo un pequeno tope, e de paso deixar moeda. Dou fe de que chegaba xente maior, e moi maior, de bastante lonxe. E agora, e momento, nin iso. Queda o recurso de dar unha volta arredor, ou subir ata a Ferida, o baixar con xeito ata a Pedra dos Cadrís ou pousarse na abaladoira que non oscila, co cacho desprendido aínda sometido como unha cuña a uns metros. Seguramente estes percorridos tamén valen como deber cumprido.