Con frío, pero con pouca chuvia: así vai ser a Cabalgata de Reis 2024 en Monforte

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

Tres paxes na carroza do rei Gaspar, na cabalgata do 2023 en Monforte
Tres paxes na carroza do rei Gaspar, na cabalgata do 2023 en Monforte CARLOS CORTÉS

Os Magos de Oriente chegarán ás cinco e media da tarde á estación de tren monfortina

04 ene 2024 . Actualizado a las 17:59 h.

En Monforte está todo listo para recibir este venres os Reis Magos. Como é costumbre, Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán a Monforte en tren e rematarán no Campo de San Antonio o seu itinerario polas rúas desta localidade. As previsións do tempo auguran que que vai ir frío, pero que probablemente só chova nos primeiros momentos da cabalgata.

Os Magos de Oriente teñen prevista a súa chegada a Monforte nun tren que se deterá na estación local ás cinco e media da tarde. Para esa hora, a previsión meteorolóxica dá un 80% de probabilidades de que chova en Monforte, aínda que en calquera caso serán precipitacións lixeiras.

Na estación estaranos agardando os músicos da Escola de Gaitas do Concello de Monforte e os integrantes da corporación municipal. Unha vez no andén, saudarán e repartirán caramelos aos nenos que fosen alí para velos. No Concello de Monforte, a entidade que organiza a cabalgata, apuntan que a comitiva real todo previsto para que os Reis saian da estación acompañados polos seus paxes aproximadamente ás seis e media da tarde.

Aí comezará un percorrido polas rúas da cidade que rematará a iso das sete a media no Campo de San Antonio, fronte á porta principal da Casa do Concello. Nese percorrido, os tres Reis magos irán acompañados polos músicos da escola municipal de gaitas e por outros grupos musicais e de animación, ademais de polos seus paxes (que serán estudantes de sexto de Primaria dos colexios de Monforte).

Desde o balcón do primeiro andar lerán o seu pregón anual e a continuación recibirán nas escaleiras do vestíbulo da casa consistorial aos nenos que os queiran saudar.

A previsión do tempo dispoñible este xoves pola tarde anticipaba que as probabilidades de que chova en Monforte entre as sete e as oito da tarde deste venres son só do 20%.

Iso si, como o sol se vai pór ás seis e dez, as temperaturas van ser un pouco máis baixas durante a cabalgata pola rúas da cidade que no momento da chegada do tren real.

A temperatura prevista para as seis e media é de 7 graos centígrados (cunha sensación térmica de 6), pero para ás oito xa van ser só 6 graos (con sensación térmica de 5).

Este é o percorrido completo da comitiva real

A cabalgata sairá da praza da Estación (ás seis e media da tarde) para chegar unha hora máis tarde ao Campo de San Antonio. Antes pasarán polas rúas Leopoldo Calvo Sotelo, Roberto Baamonde, Cardeal e avenida de Galicia (no tramo da ponte nova).