O Correlingua reúne en Monforte a uns seiscentos alumnos do sur da provincia

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

Estudantes de oito centros educativos de tres municipios participaron nas actividades que se desenvolveron no Parque dos Condes

24 may 2024 . Actualizado a las 17:54 h.

Arredor de seiscentos alumnos de varios centros educativos do sur da provincia participaron este venres en Monforte no Correlingua, a tradicional serie de carreiras reivindicativas a prol do idioma galego. O acto principal celebrouse ao mediodía no anfiteatro do Parque dos Condes, onde se ofreceu unha actuación do grupo Mekánika Rolling Band, que o ano pasado gañou o Cantalingua —un certame musical paralelo a esta iniciativa— coa canción Maruxaina. O acto foi presentado polo actor e humorista Fran Rei, quen reivindicou o dereito de «vivir en galego os 365 días do ano».

Os centros educativos que participaron nesta actividade foron os institutos Daviña Rey, A Pinguela —de Monforte—, Val do Asma —de Chantada—, os colexios monfortinos Ferroviario, A Gándara, Escolapios e Infanta Elena e o colexio Ricardo Gasset do municipio do Incio. Os grupos que tomaron parte na actividade fóronse acercando a pé antes do mediodía ao Parque dos Condes, nalgúns casos levando pancartas e coreando o lema do Correlingua deste ano: «Dende aquí até acolá, galego xa!». Os alumnos do instituto A Pinguela encargáronse da lectura dun manifesto a favor do uso do galego no ensino e noutros ámbitos sociais.

O acto contou coa participación de Efrén Castro, vicepresidente da Deputación lucense, entidade que colabora na organización da actual edición do Correlingua. A xornada é promovida pola asociación cultural Correlingua co apoio da Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e CIG-Ensino, así como coa colaboración das deputacións de Pontevedra, A Coruña e Ourense, ademais dos concellos de Lugo, Ourense, A Coruña, Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrol. Castro celebrou a iniciativa, que —segundo afirmou— «pon o foco na reivindicación do uso do galego entre a xuventude e a rapazada, e que o fagan dun xeito festivo, sen prexuízos e gozando de todo o que teñen que ofrecer o galego e a cultura». Desde a Deputación sinalan así mesmo que os obxectivos do Correlingua son «a reflexión sobre a situación da lingua e a importancia de activar as accións a prol dela, sensibilizar a sociedade, a través da poboación infantil e moza, da importancia da defensa da lingua e asociar o uso do idioma a actividades colectivas, lúdicas e de interacción entre o alumnado de diferentes centros».

Un ciclo que acabará o mércores en Burela

A actual edición do Correlingua arrancou na Coruña o pasado día 3 cunha festa celebrada ao pé da Torre de Hércules. Desde entón organizáronse outras actividades deste tipo nos municipios de Narón, Bueu, Lugo, Ourense, Santiago, A Estrada e Vigo.

A xornada celebrada en Monforte será seguida doutra que terá lugar o luns na Alameda de Pontevedra. O ciclo deste ano pecharase o próximo mércores na praza de Mariña de Burela, onde actuarán o actor, compositor e escritor Paco Nogueira e o grupo musical Cuarta Xusta, que quedou clasificado en segunda posición no certame Cantalingua deste ano coa canción Presumo de galego. O primeiro posto foi para a banda A Gramola Gominola polo tema Superlingua e en terceiro lugar quedou Mekánika Rolling Band coa canción Miña nai.

O Correlingua deste ano comprende ademais outras iniciativas, como a realización dun vídeo de regueifas ou cantos improvisados no que participan varios centros educativos e uns obradoiros de escrita creativa.