A música monfortina Rosa Cedrón entra na Real Academia Galega de Belas Artes

MONFORTE DE LEMOS

Rosa Cedrón recibiu o seu diploma de académica de mans do presidente da institución, Manuel Quintana Martelo
Rosa Cedrón recibiu o seu diploma de académica de mans do presidente da institución, Manuel Quintana Martelo CEDIDA

A cantante e violonchelista ingresou na institución nun acto celebrado este sábado na Coruña

21 dic 2024 . Actualizado a las 18:12 h.

A cantante e violonchelista Rosa Cedrón, natural de Monforte, ingresou na Real Academia Galega de Belas Artes nun acto que se celebrou este sábado no auditorio do Conservatorio Profesional de Música da Coruña. Á toma de posesión da nova académica —que ingresa como numeraria— asistiron o presidente da referida institución, Manuel Quintana Martelo; a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén María do Campo; o concelleiro coruñés de Cultura Gonzalo Castro Prado; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e e a vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña, Cristina Naya.

No seu discurso de recepción, Quintana Martelo sinalou que a traxectoria de Rosa Cedrón está caracterizada pola «dicotomía entre o culto e o popular, o cruce entre a música clásica e a música popular como un fenómeno fascinante que reflicte a riqueza e diversidade da expresión musical ao longo do tempo». Así mesmo, apuntou que co ingreso da música monfortina pasa a incrementarse o número de mulleres que forman parte da academia, unha das prioridades da súa xunta de goberno.

Pola súa parte, Rosa Cedrón leu un discurso de ingreso —baixo o lema «Entre dous mares: do mundano ao transcendental»— no que rememorou a súa infancia en Monforte e recordou que naceu nunha familia de músicos autodidactas. «Na miña casa a música nunca faltaba. Meu pai tocaba a harmónica e cantaba, miña nai tiña unha voz anxelical, un talento para o canto e a actuación herdado da súa nai e a súa avoa, e meu avó, veterinario de profesión, que lle ensinou a tocar a guitarra a ela e ao meu tío Fran, unha especie de xenio que tocaba todo canto instrumento caía nas súas mans», afirmou a nova académica. «Todos eles formaron o centro musical da miña infancia», engadiu.

Na súa alocución, Cedrón recordou tamén que aos 8 anos de idade ingresou no Conservatorio da Coruña, onde comezou a interesarse polo violonchelo baixo a influencia de mestres como grazas a mestres como Ignacio Alonso, Manuel Iglesias Noguerol ou Clara Groba. Durante os seus anos de formación, formou parte da orquestra deste conservatorio e tamén da Orquestra de Cámara Municipal da Coruña e da banda municipal deste concello. Posterior exerceu como profesora en diversos centros antes de ingresar como docente no Conservatorio de Música de Ferrol, que abandonou uns meses despois para integrarse como voz principal no grupo Luar na Lubre, no que permaneceu entre os anos 1996 e 2005. No seu discurso, Rosa Cedrón recordou como un momento crucial da súa carreira a gravación do tema The inner child, do disco Tubular Bells III, do músico británico Mike Oldfield, e a súa participación no concerto de presentación desta obra. Así mesmo, lembrou que no 2007 deixou o grupo Luar na Lubre para iniciar unha carreira en solitario que arrancou no 2007 co disco Entre dous mares.