Sempre defendín a importancia de contribuír, a través dos impostos, ao sostemento dos servizos públicos esenciais. Fálase moito de educación e sanidade, pero poucas veces se pon en valor outro piar fundamental: os Servizos Sociais.
O labor que realizan os profesionais deste ámbito é, sen dúbida, encomiable, non só pola súa calidade técnica e profesional, senón, sobre todo, pola súa inmensa calidade humana.
Recentemente, fun testemuña directa da súa importancia cando unha familia de Monforte achegada a min pasou por unha situación extremadamente difícil. Como concelleira, xa era plenamente consciente do seu traballo e esforzo, pero vivilo de preto, ao carón dunha familia que queres, fai que comprendas de verdade o que significan. Non é esaxerado dicir que os Servizos Sociais salvan vidas, non só evitando situacións críticas, senón tamén devolvéndolle ás persoas a tranquilidade, a dignidade e a felicidade.
Cando alguén chega alí, faino con medo, con incerteza, sen saber como actuar. E estas profesionais non só ofrecen solucións, senón que acompañan, guían e transmiten seguridade e cariño. É un traballo que require vocación, pero, aínda así, segue impresionando a entrega con que o levan a cabo. No caso que coñecín de primeira man, vin como, fóra do seu horario laboral, seguiron pendentes da evolución da situación, preocupándose, chamando para saber como estaba todo e ofrecendo apoio constante.
Por iso, quero expresar o meu máis profundo agradecemento a todo o equipo dos Servizos Sociais de Monforte, e, en especial, a tres profesionais excepcionais: Patricia, Lucía e Lupe. Grazas ao seu traballo, unha familia que estaba vivindo un verdadeiro inferno conseguiu recuperar a estabilidade e encamiñarse cara a unha vida plena e feliz.
Cando algo así che toca de preto, comprendes que ninguén está libre de precisar axuda en algún momento. E contar con profesionais con esa humanidade e entrega marca toda a diferenza.
Desde aquí, o meu máis sincero recoñecemento e gratitude.