Aumentan os premios do certame municipal de maios de Monforte

La Voz

MONFORTE DE LEMOS

Un aspecto da última edición do certame municipal de maios de Monforte
Un aspecto da última edición do certame municipal de maios de Monforte CARLOS CORTÉS

O alcalde José Tomé sinala que por primeira vez haberá unha categoría específica para as coplas

02 may 2025 . Actualizado a las 13:29 h.

O Concello de Monforte modificou as bases do tradicional concurso de maios, que celebrará unha nova edición o próximo día 7. Segundo anunciou o alcalde, José Tomé, este ano haberá por primeira vez tres modalidades no certame de maios e o concurso comprenderá unha categoría específica para coplas.

Con anterioridade, sinalan os responsables municipais, había un premio de 75 euros para todos os participantes. Na próxima edición, por unha parte, haberá dúas modalidades no certame de maios, unha para asociacións, colectivos e particulares, e outra para centros de ensino. En ambas modalidades concederanse tres premios, dotados respectivamente con 200, 150 e 100 euros, e seis accésits de 75 euros.Polo que respecta ao concurso de coplas, haberá tres premios de 100, 75 e 50 euros, e seis accésits de 30 euros cada un. «Queremos animar así á participación dos veciños de Monforte, na celebración da entrada da primavera, e que os participantes que formen parte desta festa tradicional, leven un merecido premio, valorando o traballo e o esforzo da realización e composición dos maios e coplas que concursen», apunta o alcalde. «Para premiar o esforzo da realización tan laboriosa dalgúns traballos, consideramos mais xusto establecer tres premios, como se fai noutros concursos que ten programados o Concello, e seis accésits», agrega.

Os interesados en participar nestes certames, abertos a todos os veciños que o desexen, poden inscribirse ata as 14.00 horas do día 6 na oficina do rexistro xeral do Concello. Segundo establecen as bases, os maios sairán o día 7 a percorrer libremente as rúas da cidade e deberán concentrarse ás 17.30 horas na praza de España, onde se interpretarán as coplas. No que respecta aos maios, xurado valorará «a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade e os materiais utilizados». En canto ás coplas, teranse en conta «a interpretación, a posta en escena, a imaxinación, a idea, a orixinalidade, os instrumentos musicais utilizados e o número de compoñentes».