Vivimos tempos tolos

Xosé M. Pacho SECCIÓN DE ULTRAMARINOS

MONFORTE DE LEMOS

Estado en el que quedó A Bouza
Estado en el que quedó A Bouza SANTI M. AMIL

«Xa sabemos que para moita xente non existe o Oriente ourensán, pero cando ves as imaxes de tanta destrución ata o máis insensible estarrece»

20 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu hoxe quería falar de Vozinha, o porteiro da selección de Cabo Verde. Neste país noso onde o fútbol é unha relixión laica, falar dun porteiro que conseguiu que España non puidese pasar do empate no seu primeiro partido do mundial é case que unha obriga moral polo que supuxo de ataque á españolidade. Como o da bandeira que caeu no día das forzas armadas en Vigo. Foi unha provocación. Non sabemos de quen, pero foi unha provocación. O caso é que o escoitei falar tan ben español que me dixen, este está en Portugal. Póñome a buscar, e efectivamente, Vozinha xogaba no Chaves, algo que pode pasar desapercibido para calquera menos para un ourensán. Porque nós sabemos que Chaves e Verín son dúas caras da mesma moeda: a periferia.

E Ourense vive na periferia. Dicía un político galego que Ourense é a Galicia o que Galicia é a España, e hai algo diso. Cando na periferia aínda estamos tentando recuperarnos dos incendios do ano pasado, volven de novo. Cando a última traxedia climática non se nos esqueceu, agora Viana do Bolo, Vilamartín de Valdeorras e Monforte —que para nós tamén é Ourense— sofren unha treboada que parece sacada dunha película distópica. Se buscamos unha explicación racional non a podemos atopar, e se cadra so nos queda encollernos de ombreiros e facer o que lle dicía aquel personaxe do Quixote na cova de montesinos «paciencia y barajar». Non queda outra. Non nos queda outra. Como o das festas na cidade.

Saía unha noticia no xornal dicindo que os opositores a secundaria queixábanse porque as oposicións fanse en lugares onde están en festas, que si o Arde Lucus, que si O son do camiño, que si as festas de Ourense... O divertido é ver os comentarios que podes atopar na noticia. Porque ultimamente ese é o problema que hai a nivel xeral na sociedade, que todo o mundo, ata os máis parvos, teñen un megáfono. Uns métense cos funcionarios, outros cos queren ser funcionarios, outros con Zapatero, outros con Jácome, outros con Pedro Sánchez, outros con Cataluña. Raro é que non se enreden porque un fala en galego e outro que é do Carballiño di que non se entende, que fale español. O outro moléstase é métese coa súa ortografía. Isto claramente é un problema de percepción. A diferencia con outras épocas históricas e que agora todos temos unha percepción concreta das cousas que queremos facer pública. E non sei por que, porque ás veces é mellor estar calado. Antes xa se sabía que no barrio, na aldea, sempre había un parvo. O nefasto deste tempo é que agora os parvos gañaron unha visibilidade invencible. Pero si, en Galicia sempre hai festas, e se un non está para festas, isto molesta bastante.

Eu hoxe, por exemplo, non estou para festas. Fun o dentista, e cando un vai a un dentista ou a un médico en xeral, quitáselle a tontería. As ideoloxías quedan aparte, as filiacións políticas, relixiosas... O único que queres é que non che doa. O resto é literatura. E hai que recoñecer que os homes que son seres sensibles perciben a dor parecera que de forma moito máis viva que o resto de conxéneres da nosa especie. A min xa me daba a risa cando me indicaban que levantase a man se sentía moita dor. Como explicarlle a esas profesionais que me atenderon que cando de pequeno ías ao dentista o que máis te impactaba eran os berros que se escoitaban mentres ti estabas na sala de espera. E cando iso se instala no teu inconsciente, queda para sempre. Como cando ves a un garda civil de Tráfico na estrada. Poida que esteas conducindo ben, pero o medo non cho quita ninguén. Como medo deu o de Valdeorras.

Xa sabemos que para moita xente non existe o Oriente ourensán, pero cando ves as imaxes de tanta destrución ata o máis insensible estarrece. Non se pode evitar. Como nos pasa cando vemos os episodios de violencia contra a muller tan preto. A perspectiva cambia e os temas teóricos se transforman en reais. Triste e tolo. Demasiado tolo.

Pero volvendo a Valdeorras, a min esa comarca lémbrame moitas cousas. Contables e incontables. Entre as primeiras sempre estará Paco Prada, un home excepcional de Córgomo, que hai pouco que nos deixou e que ademais de ser administrador concursal e moitas outras cousas era un amante do viño e un gran contador de historias. Na súa adega contáronme das meigas e como facían conxuros e mandaban aos cativos a buscar herba de cemiterio cortada ás doce da noite e teas de araña para facer esconxuros.

E poida que nos debamos encomendar ao esotérico nestes tempos tolos.