
Os corredores pasarán por este municipio e polo de Bóveda o 23 de febreiro, o primeiro día da proba
26 ene 2023 . Actualizado a las 12:00 h.O Incio será unha das etapas puntuables do Premio de Montaña da edición 2023 da Volta Ciclista a Galicia, que se disputará entre o 23 e o 26 de febreiro. Os corredores pasarán polo sur da provincia de Lugo na primeira etapa, un percorrido de 188 quilómetros de lonxitude que comeza en Lugo e remata en Sarria.
Esa primeira etapa do 23 de febreiro ten a súa saída ao pé da Muralla de Lugo e chegará ao sur da provincia a última hora da mañá. Os ciclistas pasarán polo municipio de Bóveda a través da estrada LU-643 e despois tomarán rumbo ao Incio pola LU-644. A chegada á Cruz do Incio está prevista inicialmente ás 13:35 horas. A carreira continuará desde alí cara Sarria pola estrada LU-641.
A Volta Ciclista a Galicia, o Gran Camiño chega este ano á súa segunda edición e é herdeira da antiga Volta Ciclista a Galicia, unha carreira por etapas que se disputou de xeito discontinuo entre a súa primeira edición en 1933 ata o 2000. A lista de ciclistas que participaron ou se proclamaron campións desa proba é moi ampla e está chea de nomes coñecidos, como os de Miguel Induráin, Marino Lejarreta, Abraham Olano, Marco Pantani, Laurent Jalabert, Claudio Chiapucci, Frank Vandenbroucke ou Álvaro Pino.
Reactivada o ano pasado coa actual denominación oficial, esta segunda edición da Volta Ciclista a Galicia, o Gran Camiño está dentro do calendario internacional da Unión Ciclista Internacional como proba ME 2.1 e consta de catro etapas. Cada unha desas etapas será retransmitida en directo durante dúas horas a través de Eurosport, Teledeporte e a TVG.
O alcalde do Incio, Héctor Corujo, destaca a importancia de formar parte dunha proba deportiva destas características “que será retransmitida a máis de 180 países”.