O creador da fundación que xestiona o museo do Saviñao faleceu hai un ano
03 oct 2024 . Actualizado a las 05:05 h.O ecomuseo Pazo de Arxeriz, no Saviñao, acollerá este sábado un acto de homenaxe ao empresario, político e escritor Xosé Soto Rodríguez —creador e primeiro presidente da fundación que xestiona este centro— con motivo do primeiro aniversario do seu pasamento. O homenaxeado, que faleceu en outubro do 2023 aos 85 anos de idade, foi autor de once libros que se editaron a partir de 1999 e que asinou como Xosé de Arxeriz. Era sobriño do empresario José Rodríguez López, fundador de Larsa, e sobriño neto do médico e filántropo Juan López Suárez, coñecido como Xan de Forcados.
A homenaxe, segundo os organizadores, será un «sinxelo acto» que se celebrará a partir das doce do mediodía no pazo e que contará coa participación do escritor e profesor Xesús Alonso Montero —antigo presidente da Real Academia Galega— e do escritor, músico e tradutor Vicente Araguas. «Tanto Xesús como Vicente tiveron moito contacto en vida con Xosé de Arxeriz e unha relación fluída ata o derradeiro ano antes do pasamento do homenaxeado», explican.
Xosé de Arxeriz, din así mesmo desde a fundación Xosé Soto de Fión, «foi un firme defensor e divulgador da cultura galega xa desde os seus tempos mozos e partillou con outros moitos mozos que nos anos 60 e principios dos 70 se formaban en Madrid todo tipo de iniciativas culturais, sociais e políticas que tiñan no seu cerne distintos aspectos relacionados con Galicia». A fundación que xestiona o ecomuseo do Saviñao, aberto desde o 2004, foi creada por Xosé Soto en 1996.