O Ecomuseo de Arxeriz homenaxea ao seu fundador cun certame literario

O SAVIÑAO

José Soto Rodríguez, fundador do Ecomuseo de Arxeriz, faleceu a principios de outubro do 2023
José Soto Rodríguez, fundador do Ecomuseo de Arxeriz, faleceu a principios de outubro do 2023 FUNDACIÓN XOSÉ SOTO DE FIÓN

O concurso diríxese a estudantes de primaria e ESO, e repartirá un total de 1.200 euros en premios

01 oct 2025 . Actualizado a las 19:37 h.

O Ecomuseo de Arxeriz —no municipio do Saviñao— convoca por primeira vez un certame literario en homenaxe ao seu fundador, José Soto Rodríguez, con motivo do segundo aniversario do seu pasamento. O concurso, que está dirixido a alumnos do último ciclo de educación primaria e de calquera ciclo de ESO de todos os centros educativos galegos, ten como obxectivo «fomentar a creatividade literaria en lingua galega e promover os valores culturais, etnográficos, históricos e ecolóxicos de Galicia», segundo a entidade organizadora.

O certame leva o nome de Xosé de Arxeriz, co que José Soto Rodríguez asinou as súas obras literarias. As bases establecen dúas categorías de participación, denominadas A e B. Na primeira delas encádranse os alumnos de quinto e sexto curso de educación primaria, e na segunda, os estudantes de ESO. Na categoría A poden presentarse microrrelatos cunha extensión máxima de 500 palabras. A categoría B é para relatos breves cun máximo de 3.000 palabras. En cada categoría haberá dous premios, dotados respectivamente con 400 e 200 euros en metálico. O autor do primeiro traballo premiado en cada apartado recibirá ademais un diploma de gañador, e o do segundo, un diploma de finalista. O primeiro premio comprenderá tamén unha viaxe en catamarán pola Ribeira Sacra para a aula completa do autor do traballo e unha visita guiada ao Ecomuseo de Arxeriz. Por outro lado, os traballos gañadores e finalistas serán obxecto dunha publicación conxunta e ilustrada que se facilitará aos centros educativos participantes.

O tema central dos traballos que se presenten ao certame será libre, pero —precisan os organizadores— debe estar «relacionado coa cultura galega en calquera das súas vertentes: costumista, ecolóxica, etnográfica, histórica ou actual». As obras participantes deben ser orixinais e inéditas e non ter sido premiadas en ningún outro concurso. A organización, así mesmo, contrastará a non utilización de ferramentas de intelixencia artificial. Os criterios de valoración das obras presentadas ao certame —engaden— «atenderán á creatividade, orixinalidade, calidade lingüística e adecuación á temática». 

Os traballos poderán presentarse ata o 20 de marzo do ano próximo e deberán ser enviados a través dos centros educativos ao enderezo enderezo de correo electrónico ecomuseodearxeriz@gmail.com. O fallo do xurado darase a coñecer o 30 de abril.