O escritor Xosé Lois García denunciou a publicación dun artigo sobre a igrexa de Eiré copiado dun libro seu
13 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A ruta do románico de Pantón protagonizou un caso de plaxio confesado no que se viron envolvidos o escritor chantadino Xosé Lois García e a asociación Amigos del Románico, que xestiona un portal de Internet dedicado á divulgación deste patrimonio artístico no ámbito de toda España. A petición de García, este portal retirou recentemente unha colaboración sobre a igrexa de San Miguel de Eiré despois de comprobar que fora copiada integramente doutro traballo publicado hai anos por este autor.
O texto denunciado por Xosé Lois García foi incluído en xullo do pasado ano na sección de artigos de opinión da web de Amigos del Románico, onde puido ser lido durante este tempo. Titúlase San Miguel de Eiré: Simbología de su escultura e apareceu asinado por Mati Novas. Nun comunicado remitido recentemente polo escritor aos editores do portal sinalábase que ese artigo consistía en realidade nunha tradución íntegra ao castelán dun capítulo do seu libro Simboloxía do románico de Pantón , editado en 1999, sen mencionar para nada a súa procedencia. Nesas páxinas, García analiza detalladamente os símbolos tradicionais recreados nas esculturas da igrexa de Eiré. O escritor esixiu unha rectificación pública, suxerindo a posibilidade de recorrer aos tribunais en caso de que non se recoñecese a existencia dun caso de apropiación indebida dos dereitos intelectuais.
Admisión de culpa
A web de Amigos del Románico substituíu posteriormente o texto asinado por Mati Novas por unha aclaración na que se admite que aquel artigo consistía efectivamente nunha copia da obra de García. O portal difundiu ademais unha nota remitida pola propia Mati Novas na que pide perdón a Xosé Lois García e a todos os lectores da web por ter plaxiado o seu traballo, recoñecendo que o artigo publicado coa súa asinatura era «obra exclusiva» do autor chantadino. Así mesmo, a páxina divulga un extracto da mensaxe que enviou o escritor para pedir unha reparación. «Lamentamos sinceramente haber sido engañados en nuestra buena voluntad», engaden os editores da páxina.
Ante estas rectificacións, García deuse por satisfeito e renunciou a emprender accións legais. Na súa opinión, «os responsables da páxina web, que son unhas persoas serias, obraron de boa fe e descoñecían a verdadeira procedencia do texto, e un asunto como este tamén pode prexudicar a súa credibilidade». En compensación, Amigos del Románico brindou a García a posibilidade de publicar na referida páxina web outros traballos seus sobre a arte románica, esta vez debidamente asinados polo seu verdadeiro autor.